A asociación Agromuralla, que reúne a centos de gandeiros das provincias de Lugo e A Coruña, vén de renovar os seus órganos directivos logo de seis anos de actividade en defensa do sector lácteo galego. Nunha asemblea, celebrada o pasado 19 de agosto, resultou elixido novo presidente José Luis Pérez Barreiro, da gandería Caseiro SAT (A Pastoriza), en substitución de Roberto López, de Lugo, logo de finalizar este o seu mandato.
Entran tamén na nova directiva Antonio Sufuentes, de Guntín, como tesoureiro e dous novos vocais: Carlos Dablanca, de SAT San Miguel, de Palas de Rei, e Odón Castro, de SAT O Palomar, de Láncara. Mantéñense da anterior directiva José Antonio García Sante, de Barreiros, como vicepresidente; José Manuel Souto, do Corgo, como secretario; e José Manuel Díaz, de Láncara, como vocal.
O novo presidente de Agromuralla alerta de que nos últimos meses se está a producir un encarecemento dos insumos básicos como o penso para a alimentación do gando, o gasóleo ou o recibo da luz que está a reducir a escasa marxe coa que traballan as explotacións e esixe ás Administracións "que adopten as medidas necesarias para garantir a viabilidade e continuidade dun sector estratéxico para o conxunto de Galicia".
Pérez Barreiro demanda a "implicación directa" tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura para garantir "un prezo digno aos produtores" que "incentive o relevo xeracional e evite que se sigan producindo peches de explotacións". Tamén considera necesario "que se corrixa o diferencial negativo no prezo do leite de dous céntimos en litro que se vén arrastrando en Galicia respecto da media que cobran os produtores do resto do Estado" porque, di, "non ten ningún sentido que na comunidade autónoma onde se produce o 40% do leite de todo o Estado e cunha calidade superior ao resto se estean a cobrar os prezos máis baixos de toda España e da Unión Europea", denuncia.