Juan Pascual presenta mañá en Lugo o seu libro Razóns para ser omnívoro: pola túa saúde e a do planeta

Juan Pascual presenta mañá en Lugo o seu libro Razóns para ser omnívoro: pola túa saúde e a do planeta

Este martes 11 de xullo ás 11:00 horas a libraría La Voz de la Verdad, en Rúa Bispo Aguirre, 17, acollerá a presentación en Lugo de Razóns para ser omnívoro: pola túa saúde e a do planeta, publicación na que o veterinario Juan Pascual reflexiona sobre as tendencias de consumo actuais.

Os eixes centrais do libro pasan por indagar na condición omnívora dos humanos, analizar os grandes desafíos aos que se enfronta o mundo para erradicar a fame e estudar a produción de alimentos necesarios para unha crecente poboación, todo iso desde o respecto ao benestar animal.

Licenciado en Veterinaria pola Universidade de Zaragoza e executiveMBA polo Instituto de Empresa, no sector da sanidade animal Pascual exerceu funcións de vendas, publicidade e dirección en diferentes países de América Latina, así como tamén en Estados Unidos, Francia, Italia e España. Na súa faceta de divulgador, nesta publicación desenvolve consideracións éticas desde o rigor e a estatística e repasa os aspectos que a sociedade debate en torno ao animalismo sen evitar temas complexos, como as vacinas, a experimentación en laboratorio con seres vivos ou a alimentación das mascotas.