O prazo para enviar os proxectos ao Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2024, na categoría "Edificacións e instalacións produtivas no medio rural", finaliza o vindeiro domingo 30 de xuño. O obxectivo do galardón, que se estrea por primeira vez este ano, é dar a coñecer a calidade construtiva e correcta integración paisaxística de todo tipo de construcións vinculadas con procesos produtivos no medio rural. As ganderías forman parte da tipoloxía de proxectos que poden optar ao premio.
O xurado desta edición estará integrado por sete profesionais de recoñecida traxectoria. Son Julio García, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais (Coiig); Jorge Piñeiro, representante do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (Coiag); Inés Santé, doutora en Enxeñería Agrónoma, profesora do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela e anterior directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader); Enrique Luis de Salvador, director do Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia; Jesús Sánchez, catedrático de Historia da Arte da USC, e Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega. Na mesa do xurado tamén estará Cristina Guedes, arquitecta portuguesa, docente e cofundadora do estudo Menos é Máis, con base na cidade de Porto.
O xurado avaliará aspectos como a calidade da intervención e a súa contribución á mellora da paisaxe, e a incorporación de criterios de sustentabilidade, uso racional dos materiais, estratexias de proximidade e economía circular. Tamén terá en conta a adecuación da intervención realizada aos usos previstos e á súa capacidade para converterse en referencia social.
Admítense intervencións realizadas en Galicia e rematadas nos oito anos anteriores a 2024, é dicir, entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro de 2023. A dotación económica do premio será de 6.000 € que, a criterio do xurado, poderán repartirse entre os autores e o promotor, non recibindo este último máis do 50 % da cantidade. Ademais, poderán concederse dous accésits, dotados cada un deles con 1.500 €.