Kalekói, recoñecida co selo de calidad Artesanía Alimentaria

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, confirmou hoxe a adhesión da empresa láctea Kalekói ao selo de calidade Artesanía Alimentaria, ao facerlle entrega aos seus responsables das licenzas de uso da marca e das cartas de artesáns. Así, esta firma lalinense súmase á trintena de empresas e ás arredor de 50 persoas artesás rexistradas neste distintivo de calidade promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.

No caso de Kalekói, cuxas instalacións están situadas en Lalín e a gandería familiar da que se abastecen en Rodeiro, a principal materia prima é o leite, co que diariamente elaboran iogur e quefir, ademais de envasar leite pasteurizado. En 2020 apostaron por vacas cunha xenética seleccionada que permite obter leite carente de beta-caseína A1, e que dá lugar ao coñecido como leite A2, converténdose na primeira empresa galega que sacou ao mercado unha gama de iogures elaborados con este leite que permite unha mellor asimilación dos nutrientes ao noso organismo. Nos produtos manteñen a esencia dunha elaboración natural, conservando a receita familiar e coidando especialmente a materia prima.

Para coñecelos máis a fondo podes ver a reportaxe que fixemos no número 22 de Vaca Pinta.