A Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) organiza este mércores 27 de novembro unha xornada técnica centrada no vacún de leite. A inscrición previa é obrigatoria e o aforo limitado, polo que se recomenda realizar a reserva canto antes para asegurar a praza.
Diversos especialistas a nivel mundial exporán a súa visión para lograr a eficiencia e a sostibilidade no sector. O encontro desenvolverase no salón de actos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), situado no concello coruñés de Abegondo.
Martín Alemparte Vidal, director da Agacal, será o encargado de inaugurar o acto. A continuación, Juan José Cerviño, director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, ofrecerá unha visión xeral do sector lácteo en Galicia.
Máis tarde, Andrea Lendewig, directora de investigación e desenvolvemento de IFCN, achegará unha perspectiva global coa súa exposición sobre as "Tendencias mundiais e o mercado lácteo español".
Despois dunha pausa para o café, Steffi Wille-Sonk, investigadora de EDF (Asociación Gandeiros de Europa), debatirá sobre a eficiencia técnica e económica das granxas EDF en España e Europa. Posteriormente, intervirá John Allen, director de AB Dairy Global e consultor de Kite Consulting, quen presentará a súa conferencia sobre como converter ameazas en oportunidades para aproveitar a sostibilidade.
Tras o parón para o xantar, será a quenda de Tom Davis, nutricionista principal e cofundador de Kite Consulting, que abordará a eficiencia en nutrición durante o período de transición.
Ben Helm, director comercial global de AB Dairy, tomará o relevo para presentar formas innovadoras de mellorar a eficiencia e o rendemento en vacas e xovencas. Antes de finalizar, Jon Bakker, consultor internacional de nutrición de Duynie (Cooperativa Royal Cosum), exporá as "Opcións dispoñibles para mellorar a eficiencia e sostibilidade na granxa".
A xornada rematará cunha mesa redonda, onde se resumirán os principais puntos tratados e ideas prácticas para aplicar nas explotacións.