O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte ofrecerá o próximo martes 9 de novembro un curso sobre o bo manexo das explotacións lácteas e o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias impartirá o luns 8 e o mércores 10 deste mes en Ribadeo unha formación sobre mellora reprodutiva e inseminación do gando vacún.
Ambos os dous están organizados pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e dirixidos a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
MANEXO DE EXPLOTACIÓNS LÁCTEAS, EN MONFORTE
Este curso será impartido no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos, en horario de 10:00 a 14:00, e o seu principal obxectivo é afondar na influencia que ten un manexo correcto na produción láctea. Abordarase o concepto de bo manexo e falarase de temas clave como os aloxamentos, as condicións ambientais e as peculiaridades a ter en conta en función do estado produtivo das vacas, así como tamén das características de manexo da recría e do benestar animal.
MELLORA REPRODUTIVA E INSEMINACIÓN DE GANDO VACÚN, EN RIBADEO
Impartido no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, a formación será de 10 horas lectivas e incluirá contidos sobre a anatomía e o aparato reprodutor da vaca, sobre a detección de celos e sobre a desconxelación de material xenético, así como sobre pautas de inseminación e palpación rectal. Contará cunha parte práctica para aplicar os coñecementos adquiridos.