A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, será do 2 ao 4 de marzo en Silleda unha cita referente en innovación agropecuaria. Con esta premisa, terá un gran protagonismo a agricultura 4.0, centrada na dixitalización dos procesos agrícolas, coa tecnología dixital como aliada para que estes sexan máis produtivos, autónomos, eficaces e sustentables. Ademais de estar moi presente na oferta expositiva do certame, tamén centrará xornadas técnicas e demostracións.
A Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), levará a cabo a conferencia "Agricultura de precisión con millo forraxeiro en Galicia", na que se expoñerá o desenvolvemento que o grupo operativo Galicia Millopreciso busca desta técnica, a cal permite unha xestión máis eficiente dos recursos agrícolas, mellorando a calidade dos cultivos mediante a análise de datos recollidos durante todo o seu ciclo produtivo.
Ademais, a xornada sobre agricultura 4.0 de Claas Ibérica desgranará a telemetría e telematics, o Isobus, os sistemas de información de xestión agrícola 365 Farm Net e os sistemas GPS. Así mesmo, un representante de Agrícola Noreste-John Deere conducirá a xornada "Documentación e Agricultura de Precisión". Os asistentes ao encontro tamén poderán comprobar en vivo, grazas a varias demostracións, en que consiste a agricultura intelixente.