Ángel Fernández e Agustín Fernández, os dous propietarios da gandería SAT Peñará, de Suances (Cantabria), levaban un tempo querendo dar o paso ao muxido robotizado para mellorar a súa calidade de vida e o benestar das súas produtoras.
Cun total de 120 vacas en muxido, sabían que necesitarían dous robots, pero quixeron ser cautos e instalaron primeiro un, para ver como se adaptaban as vacas. Contaban espazar a incorporación da segunda máquina un ano, máis ou menos, pero a experiencia foi tan positiva que aos seis meses xa tiñan o segundo robot na nave, listo para poñer en marcha.
Ao cambio sumaron tamén os colares CowScout, cos que xa levaban traballando uns anos antes, e o arrimador de comida F4800.
Tras dous anos co establo robotizado, manteñen unha media de tres muxidos ao día, aumentaron a produción ata os 44 litros por vaca e conseguiron un día a día moito máis levadío. Coñecemos a súa experiencia en Vaca Pinta 34.