Primeiro o primario é o título da nova sección que comezou a emitirse onte no programa Hoy por Hoy Lugo, da cadea SER. Desde a emisora, apuntan que este sector é fundamental para o noso desenvolvemento pero, ao mesmo tempo, un dos máis esquecidos pola sociedade. Por tanto, cada martes, porán o foco en diversas temáticas relacionadas co sector produtor co obxectivo de expor a importancia que este ten para todos.
"Temos que traer todo o que envolve a este sector ao noso coñecemento, ao noso vocabulario e aos nosos temas de conversación, porque ao final sen sector primario, non temos nin secundario, nin terciario, nin nada", comezaron así a súa primeira emisión, na que puideron conversar con Manuel Sandamil, presidente de Africor Lugo, Fefriga e Conafe. Ademais, o equipo de Vaca Pinta estivo tamén presente para colaborar no desenvolvemento desta iniciativa da cadea SER.