A Central Agropecuaria de Galicia Abanca, a única poxa informatizada de España, pechou o 2022 cunha asistencia de 50.565 reses e unha facturación de 32.430.068 €, uns datos que superan tanto os de 2021 como os previos á pandemia e que foron posibles malia a cancelación das poxas dos días 15, 22 e 29 de marzo debido ao paro que realizou o sector do transporte.
Así, as cifras situáronse en canto a asistencia total ás súas poxas nun 12 % máis que o ano pasado, cando concorreran 45.163 reses nas súas tres categorías: vacún maior, becerros de recría e becerros carniceiros. En canto á facturación, supuxo un 52,71 % máis que en 2021, cando se acadaran os 21.235.772 €.
No que se refire ao vacún maior, rexistráronse un total de 15.585 exemplares, un 33,78 % máis que en 2021. A súa facturación foi un 75,37 % maior que no período anterior, ao pasar dos 12.331.849 € aos 21.626.770 €.
Este aumento tanto na asistencia como na facturación débese a tres factores: o traballo que vén realizando a Central coa axuda dos servizos veterinarios para que os animais de calidades inferiores non pasen polo mercado e vaian directamente ao matadoiro, que este incremento da calidade seguiu atraendo a novos compradores e que sigue existindo unha gran demanda en restauración e hostalería de carnes maduradas por parte dos consumidores finais.
En canto ás súas transaccións, situáronse en 4.438.534 €, un 23,94 % máis que os 3.581.112 € facturados no ano anterior.
A súa cotización media foi un 15,81 % maior. Por categorías, os frisóns rexistraron un prezo medio de 614 €/unidade (un 18,9 % máis que en 2021); os rubios situáronse en 1.001 €/unidade (un 14,66 % máis que en 2021) e os cruces acadaron os 904 €/unidade (un 14,54 % máis que en 2021).