Gandería Quintián, situada na localidade lucense do Páramo, recibiu hoxe a visita de María José Gómez, a conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia. María José Gómez destacou, na véspera do Día Mundial do Leite, a importancia do sector leiteiro galego como referente estratéxico do agro na nosa comunidade. Tamén resaltou a esta granxa como exemplo na transformación á hora de xerar valor engadido ao produto.
Neste acto, a conselleira salientou a condición de Galicia como líder nacional en produción de leite, con máis do 40 % do total español, e o feito de que a nosa comunidade figure no ranking europeo entre os dez primeiros postos.
Tamén neste sentido, a titular de Medio Rural subliñou a aposta desta empresa familiar lucense polo relevo xeracional, xa que neste caso a actividade gandeira ten continuidade de pais a fillos. A conselleira remarcou a importancia desta cuestión e sinalou que a Xunta fomenta a renovación xeracional con axudas que permitiron que preto de 5.000 mozos se incorporaran á actividade gandeira, a maior parte deles no sector lácteo.
En relación coa conmemoración mañá do Día Mundial do Leite, a conselleira puxo de relevo que este produto e os seus derivados constitúen un elemento "sano, nutritivo e saboroso"; en especial, remarcou, "se falamos de leite galego". Finalmente, fixo un chamamento a celebrar esta xornada.