A conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia felicita ao equipo de mozos gañadores do concurso internacional de manexo

A conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia felicita ao equipo de mozos gañadores do concurso internacional de manexo

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polos directores xerais de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; recibiu esta tarde no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), os mozos e mozas gandeiros galegos campións de manexo de gando no certame Young Breeders School (YBS).

A conselleira trasladoulles os parabéns da Xunta aos seis integrantes deste equipo, que se impuxo no devandito concurso internacional, celebrado do 28 de agosto ao  1 de setembro en Battic (Bélxica). Trátase de María e Andrea Otero, da granxa Fontixón (Castro de Rei, Lugo); Lorena Iglesia, de SAT Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo); Alba López, da Gandería Quintián (O Páramo, Lugo); Simón Blanco, da Gandería Queirugueira (Val do Dubra, A Coruña) e Xabier Montes, de Casa do Rei (Rodeiro, Pontevedra).

Nesta edición do YBS participaron un total de 180 mozos gandeiros procedentes de todo o mundo, agrupados en 29 equipos. O conxunto español, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros e a Federación Frisona Galega, coa colaboración de Clun, acadou un fito sen precedentes, ao obter o primeiro posto na clasificación por países, superando a Suíza, que quedou en segundo lugar, e a Polonia, que ocupou o terceiro.