A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe no acto de apertura do curso 2024-2025 no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, situado no concello coruñés de Boqueixón, onde deu a benvida aos preto de 80 novos alumnos que se incorporan aos cursos formativos ligados ao sector primario que ofrece, así como a aqueles que continúan formándose nas súas instalacións.
María José Gómez destacou o interese que xeran os graos de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal, de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e o de Produción Agropecuaria dispoñibles no CFEA de Sergude. Nesta liña, resaltou que practicamente o 90 % das prazas ofertadas de primeiro curso neste centro cubríronse, o que permite ter un dato final de alumnado de preto de 150 persoas.
A conselleira resaltou que estes estudantes son o futuro do sector primario, tan importante para a economía galega, e engadiu que o rural está cheo de oportunidades para que poidan desenvolver os seus proxectos vitais.
Nesta apertura de curso, María José Gómez avanzoulles aos alumnos que se está ultimando un Plan de remuda xeracional amplo e cunha perspectiva transversal, baseado na formación, a sensibilización e a incorporación ao agro.