CLUN anuncia que os produtores asociados a súa cooperativa verán incrementados novamente os seus ingresos pola recollida do leite en orixe, aínda que non concreta o incremento. Este aumento é o terceiro efectuado no últimos seis meses. A medida súmase a outras accións xa implantadas na cooperativa para compensar a subida dos custos de produción que afectan ás explotacións gandeiras, como o axuste á baixa na tarifa dos pensos.
“Estamos realmente preocupados pola situación, e desde a cooperativa CLUN están a tomarse todas as medidas posibles para rebaixar as presións que soporta o produtor, desde subir o prezo do leite en orixe ata tratar de conter ao máximo posible o prezo dos pensos”, sinala Juan Gallástegui, secretario xeral de CLUN.
“O sector lácteo é estratéxico para o rural galego e para Galicia. Garantir a recuperación de valor da cadea do leite é unha prioridade para nós, porque somos conscientes de que o futuro do rural galego depende de iso”, engade Gallástegui.