A Asociación EFA Fonteboa organiza para o venres 31 de maio, de 10:00 horas a 13:30 horas, unhas xornadas con motivo do Día Mundial do Leite. O evento transcorrerá no pavillón municipal de Baio, en Zas (A Coruña), e desenvolveranse diversas conferencias técnicas para actualizar aos profesionais do sector sobre os avances tecnolóxicos e prácticas innovadoras, promover a sustentabilidade na produción, mellorar a calidade e a eficiencia do proceso produtivo e fomentar o intercambio de coñecementos e experiencias entre expertos e produtores.
Tamén se amosarán vídeos e iniciativas de valorización do leite e haberá obradoiros lácteos e cata de produtos, expostos por diferentes empresas de transformación que presentarán as súas propostas e ao mesmo tempo explicarán os procesos de elaboración. Durante o encontro participarán as seguintes empresas do sector lácteo: Casa Donicio, Gandería Quintián, Galmesan, Queixos Cagiao, A Meixoeira, Queixería Riola, Quesos de mi tierra, Pazo do Queixo, Terra de Melide, O Rexo e Xeados Xeou.
O profesorado e o alumnado do CFGS de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal coordinarán todas as actividades nas que participarán os escolares da zona, hostaleiros e público en xeral. Na organización do evento colaboran o GDR Costa da Morte, a Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM) e o concello de Zas.
Os interesados en participar deben inscribirse previamente enviando un correo electrónico a constante.lorenzo@fonteboa.es ou chamando ao 649 68 89 49.