A empresa lucense Consuvet foi seleccionada para o programa AgriFoodTech do MAPA

A empresa lucense Consuvet foi seleccionada para o programa AgriFoodTech do MAPA

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) escolleu quince empresas emerxentes para fomentar a innovación tecnolóxica no sector agroalimentario. Durante nove meses, as entidades beneficiaranse das vantaxes de formar parte da segunda edición do programa de incubación e aceleración AgriFoodTech, no centro de innovación dixital La Vega Innova (Madrid), en colaboración con Telefónica España.

Cowsulting (Consuvet), empresa lucense, é unha das quince startups seleccionadas para o programa. Nesta entidade céntranse en integrar o ecosistema de información en granxas de vacún, optimizando a viabilidade económica e mellorando a sostibilidade, ademais de reducir o uso de antibióticos.

Optimuu é a outra corporación de Lugo que tamén formará parte de AgriFoodTech. Esta startup presenta unha solución dixital que permite a visualización e control dos datos recompilados por robots e sensores para automatizar procesos en explotacións de vacún de leite.

Estas empresas gozarán de formación especializada, mentoría experta e acceso a tecnoloxía avanzada para impulsar os seus proxectos empresariais ou as súas solucións AgriFoodTech. Durante a súa estadía, probarán as súas solucións e participarán en proxectos piloto en colaboración co MAPA.