A EPS de Enxeñaría é o centro examinador do Ligal para a obtención da certificación para manipular leite cru

A EPS de Enxeñaría é o centro examinador do Ligal para a obtención da certificación para manipular leite cru

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela converterase, durante un mes, no centro examinador do Laboratorio Interprofesional de Análise de Leite (Ligal) para as persoas interesadas na certificación que as habilita para manipular leite cru.

As probas de avaliación, promovidas polo Ligal, están abertas á participación das máis de 700 persoas que completaron a formación previa impartida en liña no marco dun curso de tomadores de mostras de leite. A superación destas probas é imprescindible para obter ou, no seu caso, renovar o certificado para manipular mostras de leite cru. Os exames comezan o martes 18 de maio e desenvolveranse durante catro semanas, polo que o proceso de avaliación se prolongará durante o mes de xuño.

O Ligal é tamén responsable de impartir a formación esixida legalmente para actuar como manipulador e tomador de mostras de leite cru, un programa que nesta ocasión se desenvolveu de xeito virtual por mor da situación socio-sanitaria derivada da pandemia provocada polo coronavirus.