A FEN e a Inlac presentan en Galicia o Libro Blanco de los Lácteos

A FEN e a Inlac presentan en Galicia o Libro Blanco de los Lácteos

A presidenta da Fundación Española da Nutrición, Rosaura Leis, e o presidente da Organización Interprofesional Láctea (Inlac), Daniel Ferreiro, presentaron hoxe en Santiago de Compostela o Libro Blanco de los Lácteos, un fito significativo no ámbito da nutrición e a divulgación científica, ao ofrecer un compendio exhaustivo e actualizado sobre os lácteos e o seu papel fundamental na alimentación e na saúde, en formato DAFO.

A obra, coordinada por Rosaura Leis, ademais de presidenta da FEN, catedrática de Pediatría da Universidade de Santiago, consta de sete módulos, trinta e cinco capítulos e conta coa colaboración e autoría de máis de cincuenta investigadores de recoñecido prestixio no mundo científico-académico, tanto a nivel nacional como internacional. Abarca todo o coñecemento existente sobre o importante papel dos lácteos nos tres piares fundamentais da alimentación: saúde, pracer e hábitos alimentarios.

O acto, celebrado na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, contou coa presenza de diversas autoridades da Administración, que acompañaron a Leis e Ferreiro na presentación deste libro, como o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, José Balseiros.

"Confiamos en que o Libro Blanco de los Lácteos se converta nun referente na materia e sirva como ferramenta útil e valiosa para todos os profesionais da saúde, responsables políticos, consumidores e todos os operadores interesados en promover unha alimentación saudable, satisfactoria, sinxela e sostible, dende os primeiros momentos da vida ata as persoas máis maiores", declarou Rosaura Leis durante a presentación.

Segundo lembrou Rosaura Leis, "as principais causas de enfermidade e de morte no mundo están relacionadas con estilos de vida non saudables, o que inclúe unha mala alimentación, a falta de actividade física e o aumento da inactividade, fundamentalmente ligada ao lecer pasivo e ao mal uso e abuso das pantallas. En relación coa alimentación, estamos asistindo á perda de adherencia da poboación, especialmente de nenos e adolescentes, ás nosas dietas tradicionais, que demostraron ser saudables e sostibles, o que pon en risco a saúde nutricional e metabólica", advertiu.

Neste contexto, subliñou que os lácteos son "alimentos fundamentais nas nosas dietas", polo que "se fai necesaria a promoción do seu consumo, comunicando á poboación os seus beneficios", máis aínda cando "a evidencia científica dispoñible indica que teñen un efecto moi positivo sobre a saúde e na prevención de enfermidades crónicas non transmisibles".

O presidente da Inlac, Daniel Ferreiro, destacou a trascendencia desta publicación porque "será un referente esencial en España para poñer en valor toda a importancia socioeconómica e ambiental do sector lácteo e mesmo para a nutrición e a prevención de certas enfermidades".

En canto aos contidos que recolle a publicación, no módulo I abórdanse tres capítulos: a historia dos lácteos, os lácteos na cesta da compra e estudos e enquisas alimentarias que investigan a inxestión de lácteos dende perspectivas nutricionais e sociolóxicas. No módulo II examínase a produción, procesado e tratamento dos alimentos lácteos. No módulo III afóndase na composición nutricional do leite e dos alimentos lácteos. No módulo IV analízase o papel dos lácteos nas diferentes etapas da vida e o módulo V está dedicado á relación entre os lácteos e a saúde. Pola súa parte, no módulo VI trátase a relación entre lácteos, educación e sustentabilidade e, finalmente, o módulo VII cobre outros temas de interese relacionados cos lácteos, explorando a súa relación coa gastronomía e a importancia deste grupo de alimentos na dieta mediterránea.