A Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) publicou unha nova edición do seu Barómetro, no que fan unha análise da situación actual da industria láctea. Esta iniciativa está destinada a difundir de maneira periódica os datos máis relevantes do sector.
Nesta ocasión, o documento pon de manifesto que España encadea 18 meses con prezos da materia prima situados por enriba da media da Unión Europea, en relación ao seu contido de sólidos (graxa e proteína). A materia prima que reciben as industrias lácteas españolas é máis cara ca en países coma Francia, Alemaña, Holanda, Dinamarca ou Portugal, tal e como avalan os datos publicados pola Inlac.
O leite español contén menos sólidos ca no resto de Europa, o que repercute nunha menor produción de lácteos que se poderían elaborar co mesmo litro de leite. No informe, a Fenil explica que isto afecta á categoría de queixos, que están sendo desprazados nos lineais e substituídos por queixos importados de baixo valor. Ademais, os datos de importacións publicados pola Axencia Tributaria tamén reflicten a entrada en España de volumes importantes de ingredientes lácteos.
A Fenil conclúe, tras a análise realizada, que as industrias lácteas nacionais se atopan nun momento complexo: "Os altos custos que nos supón a materia prima e a guerra de prezos dos supermercados provocan na industria láctea española un efecto sándwich que erosiona as marxes das compañías, sobre todo das pemes, e pon en risco a súa rendibilidade a medio prazo", afirma Luis Calabozo, director xeral de Fenil.