A gandería SAT O Palomar organiza unha serie de visitas para que os máis pequenos coñezan o funcionamento das granxas

A gandería SAT O Palomar organiza unha serie de visitas para que os máis pequenos coñezan o funcionamento das granxas

SAT O Palomar, gandería situada en Láncara, inaugurou unha aula de formación para que os nenos poidan coñecer como funciona unha granxa de verdade. Así, xa se celebrou a primeira de varias visitas que terán lugar durante as próximas semanas. A principios de febreiro comezou a prepararse este proxecto, que finalmente deu os seus froitos, tal e como indican dende a explotación.

Así, en primeiro lugar, os pequenos gozaron dunha visita guiada polas instalacións, onde viron a rutina diaria, puideron ver as vacas e as xatas, a súa alimentación, etc. Posteriormente, almorzaron produtos lácteos e elaboraron o seu propio queixo grazas ás explicacións recibidas. Tamén coñeceron e viron o procedemento de como se moxen os animais. Ao longo do día, divertíronse con varios xogos relacionados co ámbito da gandería. Finalmente, recibiron uns diplomas e un libro con actividades para que poidan ir aprendendo máis sobre este sector ao longo do verán. 

"O obxectivo desta iniciativa é que os nenos e a xente en xeral coñeza o que é o campo, porque é algo que se perdeu. Así, os nenos teñen contacto coas vacas e coas ganderías, polo tanto, teñen a posibilidade de ver como funciona isto e transmitilo despois. Tamén se busca darlle valor ao leite e que o poidan probar directamente na granxa, sen pasar por outros procesos", explica Odón Castro, propietario de SAT O Palomar.