A profesora asociada de Medicina Ambulatoria e de Produción na Universidade de Cornell (Estados Unidos) Jessica McArt visitou recentemente o noso país para ofrecer unha serie de conferencias centradas no período de transición no vacún leiteiro. Sobre as claves de manexo nesta fase conversamos con ela nesta entrevista en Vaca Pinta 38.
Nun dos seus últimos artigos, mencionou que algúns dos maiores problemas que afectan á saúde das vacas ocorren xusto despois do parto. Cando comezan eses desafíos?
Estes desafíos –referentes á enerxía, as proteínas e os macrominerais– que enfrontan as vacas verémolos principalmente despois do parto, pero realmente comezan na semana antes. Por iso, debemos ter coidado durante ese tempo, asegurarnos de previr.
Cales son as consecuencias deses problemas?
As vacas que non se adaptan teñen máis probabilidades de desenvolver enfermidades, polo que é posible que teñan unha produción de leite baixa ou resultados reprodutivos inferiores e poderían abandonar o rabaño antes. Polo tanto, é unha etapa realmente importante.
Cales son os puntos clave nos que deberiamos traballar para axudar as vacas durante este período?
Creo que temos que asegurarnos de que as vacas estean nas mellores condicións posibles. É necesario que estean cómodas e que reciban unha boa alimentación. Debemos garantir que fagan unha boa transición á lactación, que teñan moito espazo para deitarse e para comer e que teñan unha ración ben formulada.
Dende a perspectiva do gandeiro, cales son os indicadores clave de rendemento que se deben avaliar en granxa para verificar se a transición da vaca é exitosa ou non?
Unha das cousas que podemos monitorizar ao longo do tempo é a primeira fase da lactación, así como a produción de leite. Canto están a producir en dúas semanas, en catro, en oito... En xeral, se as vacas están ben, producirán máis leite. Tamén é importante observar a incidencia de enfermidades para saber como están a afectar a cetose, a metrite, o desprazamento do abomaso... Todas estas cuestións poden axudarnos a obter unha idea de se as vacas están a facer ou non unha boa transición.
E dende a perspectiva do nutrólogo?
O nutrólogo tamén pode desenvolver unha serie de rutinas para ver os resultados en leite. É posible analizar determinados datos para ver como de ben o están facendo estas vacas en transición. É necesario usar eses datos para asegurarse de que a ración estea formulada axeitadamente.
Durante os últimos dez anos, moitos gandeiros e veterinarios implementaron programas de monitoreo de cetose nas ganderías. Porén, aínda hai dúbidas en canto a tempos e protocolos. Cal é a súa recomendación?
Determinados procesos estanse a facer de distintas formas. Recomendo testar as vacas mensualmente, polo menos nas primeiras dúas semanas de lactación, pero poñendo o foco nas de tres a nove días en leite, porque esas son as que, se son cetósicas, teñen máis enfermidades e producen menos leite. Por iso, tanto realizar a proba en sangue unha vez ou dúas á semana como apostar por algúns dos novos métodos de monitoreo a través do leite son boas iniciativas.
Outro tema controvertido é como avaliar a hipocalcemia en granxa. Ten algunha directriz ao respecto?
Dedico moito tempo á hipocalcemia. É bastante fácil medir o nivel de hipocalcemia clínica porque podemos contar cantas vacas están afectadas. Para medir a hipocalcemia subclínica cada vez hai máis traballos recentes que indican que se as vacas son hipocalcémicas no parto ou ao día seguinte, non é un problema. Pero se o son aos tres ou catro días en leite, a esas vacas non lles está indo ben. Nos meus rabaños, gústame analizar o calcio no sangue aos catro días en leite para avaliar como están a facer a transición á lactación.
Que papel podería ter o Control leiteiro no futuro en canto a esta avaliación?
Hai moitas oportunidades para que o Control leiteiro teña máis presenza en granxa, especialmente no que se refire a vacas en principio de lactación. Aínda que o monitoreo unha vez ao mes está ben, se puidésemos facelo todas as semanas, aprenderiamos moito máis sobre esas vacas. Creo que o Control leiteiro ten unha grande oportunidade para crear valor nas nosas granxas mediante o uso dalgunhas das novas tecnoloxías lácteas, así como tamén dando orientación no que se refire ao período de transición.
En concreto, como pode o Control leiteiro axudar tanto os gandeiros como os veterinarios a monitorizar a avaliación da transición?
Un problema que temos con algúns dos métodos de monitoreo de leite é que hai un exceso de datos. Á hora de monitorizar, é importante determinar o que é esencial para o gandeiro, para o nutrólogo e para o veterinario, e traballar en equipo para presentar os datos de xeito que proporcionen información útil que nos digan se o estamos facendo ben e onde podemos mellorar.
EXPERIENCIA EN GRANXAS GALEGAS
Durante unha visita ao noso país no mes de marzo, a doutora McArt tivo a oportunidade de coñecer varias granxas galegas, que “están moi por riba da media, son moi boas granxas, nas que se ve que as vacas están moi felices”, valorou. A limpeza, así como a actitude do persoal, foron factores tamén destacados para a estadounidense que, aínda que asegurou que non tiña nada que reprochar en canto a manexo e instalacións, si lembrou que “sempre se pode facer mellor, e puiden comprobar que cada negocio tiña distintos detalles nos que se estaba enfocando”.
No que se refire ás grandes diferenzas entre as ganderías estadounidenses e as galegas, explicou que, aínda que as de aquí teñen un tamaño moi correcto, o habitual nos Estados Unidos é ver negocios cun maior volume de cabezas. “Aínda temos moitas granxas pequenas, pero polo xeral alí son máis grandes”.
Outro punto destacado para esta investigadora foi a robotización: “Creo que Galicia en particular é pioneira na adopción do muxido robotizado; alí estamos empezando a ver esta práctica tamén nalgúns dos nosos rabaños máis pequenos, pero non en tantos coma aquí”, expuxo.
Recentemente, publicou un artigo sobre como empregar as TIC para predicir e interpretar a perda durante o embarazo a partir dos datos de actividade en vacas holstein. Pode explicar os datos máis destacados deste estudo?
Foi unha investigación realizada por un estudante que asesorei, Dan Lynn. Nese traballo, tomamos datos da actividade diaria dunha granxa e estudamos se vacas preñadas abortaban ou non. A pregunta era a seguinte: poderiamos usar un método de bioinformática para determinar cando esas vacas abortaron antes de que o detectase o sistema de alerta de actividade? A resposta foi que si había certos patróns que nos permitirían saber antes que estas vacas abortaran. Creo que a parte fundamental diso é que, aínda que cada vez temos máis empresas que proporcionan nova tecnoloxía, moitas veces non sabemos como funciona. É realmente importante que validemos todos estes métodos para asegurarnos de que son precisos e nos brindan información o antes posible.