O II Congreso Internacional de Vacún, celebrado o 27 de xuño en Salamanca e organizado pola Asociación de Ganaderos 19 de Abril e Dehesa Grande, serviu para remarcar a importancia de seguir divulgando, promocionando e defendendo o consumo de carne como fonte de benestar.
Esta xornada quixo poñer en primeiro plano tres eixes: saúde, educación e sustentabilidade. Con isto, o que pretenden é conseguir unha maior divulgación e reivindicación do traballo do sector primario.
En referencia á primeira temática, concluíuse que o sector debe ser máis activo para facer chegar aos consumidores os beneficios da carne de vacún e a importancia de comer mellor. Neste sentido, observouse que as proteínas que mellor se dixiren son as do leite, a carne e o ovo.
No plano da educación, destacan que a gandería e os seus beneficios deben chegar aos colexios e universidades, abrindo as portas das explotacións e utilizando as novas tecnoloxías para chegar á poboación máis nova.
En canto á sustentabilidade, as charlas do congreso serviron para recalcar que o problema das emisións contaminantes non son as vacas, senón a forma de producir enerxía. Tamén fixeron fincapé en que os animais limpan o monte, reciclan, xeran abono e non emiten microplásticos.
Polo tanto, detectouse que a gandería necesita unha maior divulgación entre a poboación para informar sobre os seus aspectos positivos e as boas prácticas dos gandeiros. Ademais, enviouse unha mensaxe de unión e comunicación, métodos cos que se pode lograr un futuro para esta área.