- Máis de 500 persoas se inscribiron para poder seguir en directo o Módulo 1 a través de www.xornadasseragro.com.
- Os encontros continuarán os días 18 e 19 de outubro e 18 e 19 de novembro.
Seragro SCG emitiu esta tarde a primeira parte das súas XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, as primeiras da súa historia que se fan de xeito totalmente virtual. Máis de 600 persoas se inscribiron para poder seguir en directo este módulo a través de www.xornadasseragro.com, onde xa están dispoñibles para ver en diferido os tres relatorios da sesión, así omo tamén a rolda de preguntas.
O BENESTAR, A CLAVE PARA SER RENDIBLES
O encargado de abrir a cita foi Juan Luis Mosquera, veterinario do Servizo de Alimentación de Seragro SCG, quen tratou as instalacións de vacas secas. Na súa exposición fixo fincapé na importancia de que a vaca goce de benestar e confort, para o que sinalou como factores básicos o descanso, o acceso á auga e á comida e a ausencia de estrés social e térmico. “Unhas boas instalacións e un bo manexo axudarannos a conseguilo e, en caso contrario, isto implicará importantes perdas económicas tanto no presente coma no futuro”, advertiu Mosquera.
Seguiuno o veterinario especialista en recría do servizo técnico de MSD Animal Health Carlos Carbonell, o cal falou sobre o ABC nas instalacións de xatas. Carbonell expuxo para a audiencia as preguntas que se consideran máis importantes á hora de pensar no deseño ou na reforma das instalacións para a recría, poñendo sempre o foco no benestar tanto do animal, como do gandeiro, que tamén debe poder traballar do xeito máis cómodo posible.
Por último, Carlos Romero, responsable do Programa de Eficiencia Produtiva MID€S de Calidad Pascual, centrouse en presentar cal é o retorno económico que obtén o gandeiro logo de mellorar o benestar dos seus animais. Ademais, neste aspecto Romero subliñou que non se trata dunha opción, senón de algo ineludible: “Garantir o benestar animal das vacas é un requisito imprescindible para poder producir e comercializar o leite”, recordou.
AS CUESTIÓNS DA AUDIENCIA, RESOLTAS
Logo de finalizadas as exposicións, tivo lugar unha rolda de preguntas moderada pola veterinaria do Servizo de Calidade do Leite de Seragro María Prado, na que Mosquera, Carbonell e Romero responderon ás preguntas que os espectadores tiveron a oportunidade de enviarlles durante as súas intervencións.
Os motivos para non empregar cornadizas libres en vacas secas, as perdas de rendibilidade que implican as mamites, o valor de factores como a ventilación e a luz natural nas instalacións, os consellos para introducir a amamantadora nunha granxa, as recomendacións para ter xovencas mellores e os puntos de partida para comezar a potenciar o benestar animal nunha explotación foron algúns dos temas abordados.
As exposicións en liña continuarán os días 18 e 19 de outubro e 18 e 19 de novembro. Durante estas catro sesións, que completarán a celebración da maioría de idade das xornadas, poñeranse enriba da mesa outros temas de actualidade, tales como o uso responsable de antibióticos, a nutrición no gando vacún, a saúde da recría e a sustentabilidade da produción láctea.