O sector lácteo marca un novo fito na súa aposta por unha maior internacionalización, cos queixos como grandes protagonistas á conquista de Estados Unidos. Co obxectivo de impulsar a presenza neste mercado exterior, a Organización Interprofesional Láctea (InLac), que reúne a todos os elos da produción e a comercialización en España dende gandeiros ata fabricantes, impulsou co apoio da Unión Europea unha campaña de promoción e divulgación de tres anos de duración: Discover the European Cheestories with cheeses from Spain.
Despaña Authentic Spain, en Nova Iork, acolleu o evento de inauguración desta iniciativa. Neste, presentouse un docurreality no que dous influencers de orixe americano recorren coa súa caravana as principais zonas queixeiras españolas para descubrir o potencial destas xoias da gastronomía. O evento contou tamén cunha degustación de queixos europeos e españois da man da mestra queixeira Angelica Intriago, á súa vez vicepresidenta en Despaña Brand Foods.
Os envíos de queixos dende España aos Estados Unidos continúan tendo grande importancia. Entre os españois máis apreciados en EE.UU. podemos atopar queixos de vaca, ovella, cabra e mestura, así como queixos con selos de calidade como o Manchego, o Murcia ao vino ou o Mahón-Menorca. Coa posta en marcha desta campaña, búscase aumentar nun 10 % o nivel de coñecemento sobre as bondades dos nosos queixos.
"Para o sector lácteo español é de vital relevancia que os consumidores americanos coñezan o compromiso dos nosos métodos de produción e elaboración e os seus aspectos diferenciais respecto aos competidores de terceiros países", subliñou o presidente da InLac, Daniel Ferreiro. Nuria M. Arribas, a directora xerente da InLac, matizou que "a popularidade dos alimentos latinos e os queixos hispanos está en ebulición. Estados Unidos é un mercado polo que apostamos decididamente".