A Inlac pon en valor o compromiso do sector lácteo co medio ambiente

A Inlac pon en valor o compromiso do sector lácteo co medio ambiente

A Organización Interprofesional Láctea, Inlac, atópase inmersa na campaña "Cuenta con los productos lácteos europeos", un proxecto apoiado pola Unión Europea e no que se conta co asesoramento do Comité de Sostibilidade Láctea.

Así, destacan nun comunicado desta mañá que a actividade gandeira en xeral e o sector lácteo en particular teñen moito que dicir en aspectos tan esenciais como a fixación de poboación no medio rural, a loita contra os incendios forestais ou a preservación da biodiversidade. Analistas e expertos constatan que todas as actividades económicas xeran impactos negativos, pero matizan que os problemas deben ser analizados na súa amplitude, tendo en conta tamén os beneficios que achegan ao medio ambiente e aos consumidores.

Así, por exemplo, o potencial que ten a gandería ligada á terra para capturar carbono e restar emisións é enorme. Un bo manexo do chan, con cargas gandeiras adecuadas e unha fertilización orgánica optimizada permite mellorar a estrutura do chan, aumentar o seu contido en materia orgánica e capturar carbono en chans previamente degradados. O xurro ten, ademais, un papel relevante na economía circular das gandarías e da agricultura en xeral, ao utilizarse como fertilizantes ou para a xeración de biometano. Desta forma, valorízanse os residuos para obter enerxía de fontes renovables e emendas orgánicas que volven alimentar as terras de cultivo de forma natural. A gandería pode contribuír notablemente, ademais, á xeración de recursos enerxéticos en beneficio de toda a sociedade -a invasión de Ucraína mostrou como de dependentes somos do exterior- a través do seu aproveitamento, como o biogás.

A xuízo destes analistas, sen gandeiros que coiden a paisaxe e o territorio, e industrias que xeren emprego e actividade nestas zonas, amplas áreas de Europa enfróntanse ao despoboamento rural e ao abandono de praderías e montes, co consecuente risco de incendios forestais.

"Debemos pór en valor o impacto positivo, tanto económico, como social e ambiental, que a actividade ten na nosa contorna", remarca o presidente da Inlac, Ignacio Elola.

"O sector mellorou moito, tanto en termos de eficiencia, como en concienciación dos propios produtores. Pero temos o reto de mellorar aínda máis, producir de forma máis eficiente e con menos contaminación, en todas as actividades económicas, e é aí onde temos que seguir avanzando no futuro", apuntou o doutor enxeñeiro agrónomo e director do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía Animal (ICTA) da Universidade Politécnica de Valencia, Salvador Calvet.

Para Thomas Sánchez, asesor político principal da COPA-COGECA, os rumiantes teñen unha vantaxe, por unha banda, en canto á biodiversidade, dado o vínculo que a gandería ten co territorio e cos ecosistemas, e, en segundo lugar, en canto ás emisións, polo potencial que as praderías e pastos teñen para a absorción e a captura de carbono. "Para xestionar todo iso, necesitamos os gandeiros. Iría máis lonxe aínda: sen gandeiros, non haberá sustentabilidade en Europa", agrega Sánchez.

"A agricultura e gandería da Unión Europea atópanse entre as máis eficientes e avanzadas do mundo en canto ao compromiso que asumiron os seus produtores e cooperativas en materia de clima e medio ambiente. É importante atopar a maneira de progresar cara aos grandes obxectivos ambientais, en equilibrio coa sustentabilidade económica e social", subliñou.

España é unha potencia europea pola dimensión e eficiencia da súa estrutura, con máis de 20.600 gandeiros dedicados á produción do leite, aínda que ten na procura de rendibilidade e a obtención de valor uno dos grandes retos, xunto á sustentabilidade ambiental, o traspaso xeracional ou a adaptación á era dixital. Destas cifras, 12.500 profesionais fano na produción láctea procedente da vaca (61 %), 4.800 de cabra (23 %) e 3.300 de ovella (16 %); hai máis de 1.500 centros autorizados para a súa recollida e transformación, que xeran máis de 30.000 empregos, o 8,5 % do total do conxunto do sector agroalimentario, e un volume de negocio de máis de 9.500 millóns de euros.