XORNADA TÉCNICA AFRICOR LUGO-VACA PINTA

A loita contra a mamite, o uso da xenómica, os retos veterinarios e os ensaios de millo forraxeiro protagonizaron o encontro

A loita contra a mamite, o uso da xenómica, os retos veterinarios e os ensaios de millo forraxeiro protagonizaron o encontro

O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu un ano máis o encontro anual organizado por Africor Lugo e a revista Vaca Pinta, unha xornada técnica na que abordar diversos temas de actualidade do sector vacún leiteiro. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, inaugurou o evento acompañada de Manuel Sandamil, presidente de Africor Lugo, de Carlos Seco, especialista de Abanca Agro, e de José Manuel Gegúndez, director executivo, de Vaca Pinta.

Os relatores desta edición puxeron o foco en temáticas como as técnicas do Ligal para o loita contra a mastite, a importancia dos ensaios de millo forraxeiro, o uso práctico da identificación e da xenómica, e os retos veterinarios do presente e do futuro. 

A xornada deu comezo ás 10:30 h cun relatorio de Belén Pombo, veterinaria do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), quen se centrou nas técnicas dispoñibles no Ligal para a loita contra a mamite, expuxo a utilidade dos resultados do reconto diferencial de células somáticas así como a información que reflicten os informes de ensaio de antibiogramas, e presentou algúns dos contidos da Guía terapéutica en mamite bovina editada polo Ligal.

Deseguido, tomou a palabra Jesús Combarro, director de Banca Sectorial de Abanca, que falou de estratexias clave para levar a cabo unha xestión económica e financeira eficiente nas ganderías.

Da terceira intervención, titulada `Utilización las probas xenómicas en Cataluña. Aplicación práctica en Agropecuaria Can Barrina SL´, encargáronse Rita Casals, da Federación Frisona de Cataluña, e Eduard Vila, xerente da granxa. Ambos compartiron a súa experiencia neste aspecto e mostraron o impacto que pode ter esta tecnoloxía na produción leiteira, na eficiencia e na rendibilidade das explotacións.

 

Seguidamente, subiu ao estrado Carlos Carbonell, de MSD Animal Health, para desenvolver unha conferencia sobre os usos prácticos da identificación electrónica en granxa.

A sesión da tarde dedicouse a dous temas: os retos veterinarios do futuro e os ensaios de millo forraxeiro. Para o primeiro deles o encontro contou coa intervención de catro profesionais cuxa característica común é a de compartir unha dobre condición, como veterinarios e tamén como gandeiros. Fermín Rico, do Centro Veterinario Meira; Román González, da SAT Prolesa; Roi Capón, de Cooperativa Aira, e Juan Rodríguez, da Xunta de Galicia, foron os protagonistas dunha mesa de debate moderada polo profesor da Facultade de Veterinaria, Ramiro Fouz.

Finalmente, o encontro rematou cunha segunda mesa redonda na que se abordou a importancia dos ensaios de millo forraxeiro á hora de utilizar variedades adaptadas a cada territorio. Adela Martínez, do Principado de Asturias, a cargo moitos anos dos ensaios feitos en Asturias polo Serida, e María Bande, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, analizaron a situación actual, a evolución e o futuro que se presenta neste sentido, da man de María Melle e José Manuel Gegúndez, xornalista e director executivo da revista Vaca Pinta.