“A mellor forma de previr a aparición de coxeiras é proporcionarlles aos animais benestar e unhas instalacións cómodas”

Un dos relatores das XX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro foi o veterinario especialista en saúde podal Marc Pineda, de PicoVets. Na conversa que mantivemos con el durante o encontro, abordamos os aspectos aos que fixo mención na súa exposición, centrada no manexo e mellora de instalacións enfocados na saúde podal. Ver en Vaca Pinta 44.

Que factores adoitan ser os que provocan a aparición de coxeiras nun rabaño?

A coxeira é unha enfermidade multifactorial, é dicir, hai moitos factores que favorecen a aparición das coxeiras, xa sexan ambientais, de manexo das instalacións etc. A alimentación tamén é un factor de risco, do mesmo xeito que a falta de prevención, tanto no recorte funcional coma noutras medidas para tentar diminuír a prevalencia de lesións de orixe infecciosa.

Entón, como se pode previr o desenvolvemento das coxeiras nos nosos animais? Que aspectos deben ter en conta os traballadores das ganderías para o manexo dos exemplares?

A mellor forma de previr a aparición de coxeiras é proporcionarlles aos animais benestar e unhas instalacións cómodas. Tamén é importante que non haxa sobrepoboación e que as vacas poidan estar todo o tempo que sexa posible deitadas, cómodas e, en definitiva, evitarlles ter que realizar movementos bruscos: que non fagan carreiras e que diminúa o risco de que tropecen e caian.

A maiores, débese levar un bo control nutricional, que actualmente xa se leva a cabo en case todas as ganderías.

Finalmente, facer prevención, xa sexa mediante o podólogo ao recortar e restablecer os aplomos para que teñan uns pezuños óptimos, ou prestándolle atención á hixiene e realizando baños de pezuños para evitar a aparición de lesións de orixe infecciosa.


“Viuse que o baño de pezuños é o método máis efectivo á hora de previr lesións de orixe infecciosa”

Que pasos se deben seguir para a entrada dos animais no poldro de recorte? Recomendas a selección de algún método en específico?

O ideal é seleccionar as vacas que van entrar ao poldro e, a continuación, dividilas. Habería que ter polo menos dous lotes, un pequeno, onde haxa cinco ou seis vacas, que son as que van entrar directamente ao poldro, e logo outro un pouco máis grande, onde están os animais esperando; dese lote irán entrando pouco a pouco.

En canto á selección dos exemplares que vaian entrar, sempre se deberían priorizar as vacas que están moi coxas para que non estean tanto tempo esperando; están máis débiles que as súas compañeiras, co cal as vacas sas, ás que se cadra só se lles fará un recorte funcional, poden aproveitarse delas e xerar accidentes. Por tanto, é importante facer unha selección en base ás coxeiras: en primeiro lugar, as vacas moi coxas; logo, as medianamente coxas; despois, as que están un pouco coxas e, para finalizar, as que tan só necesitan un recorte funcional.

O que é máis efectivo para que entren mellor, estean máis tranquilas e sexa o menos perigoso posible, tanto para elas como para os podólogos, é axudarse de mangas de manexo cun deseño especial, cunha pequena curva para favorecer que entren sen ter ti que andar apertándoas ou empuxándoas dalgunha maneira.

En que consiste o recorte funcional e cales son os seus obxectivos?

O obxectivo principal do recorte funcional é restablecer a estrutura ideal do pezuño, é dicir, restablecer os aplomos, que os dous pezuños dentro da mesma extremidade teñan o mesmo tamaño, que non haxa un talón máis alto ca outro, que teñan a lonxitude de pezuño adecuada, que a sola teña a uniformidade que debe ter e abrir os ocos axiais para diminuír a presión que exerce a terceira falanxe sobre o corion do casco.

Principalmente, baséase en tres pasos, que son recortar a punta, igualar os aplomos, é dicir, facer que os dous pezuños sexan iguais en lonxitude e que teñan a mesma altura, tanto do talón á punta como entre os dous pezuños ipsilaterais e, para rematar, abrir o oco axial para liberar a presión que exerce a terceira falanxe.

Cada canto tempo ou en que momento se deben examinar os pezuños?

Hai diferentes estratexias de revisión e cada unha ten as súas vantaxes e inconvenientes. Unha delas consiste en recortar a todas as vacas no secado e despois do pico de lactación, máis ou menos ao redor dos 100-120 días. No secado, que para min é importante, é para restablecer os aplomos dos animais, afrontar todo o período transitorio que é o secado e o primeiro mes de lactación, para que estean coas máximas garantías desde o punto de vista da saúde podal e tamén para tratar lesións primarias ou iniciais. Na metade de lactación,  é para volver restablecer os aplomos se é necesario, para que poidan acabar a lactación coas máximas garantías e, o mesmo, se hai lesións iniciais, para poder solucionalas. Esta é unha estratexia que ten a principal vantaxe de que hai un bo control da saúde dos animais e revisas os aplomos en dous momentos críticos. Con todo, ten unha desvantaxe: é dificultoso en granxas que teñen un tamaño medio ou pequeno, polo número de animais por visita e polo número elevado de visitas ao longo do tempo, que produce un estrés no rabaño.

A segunda estratexia é recortar todos os animais do rabaño dúas veces ao ano. Con isto temos un bo control dos aplomos, que sería a principal vantaxe. A desvantaxe é que en ganderías moi grandes se che poden escapar os animais e que teñan os pezuños longos nalgún momento. Se se selecciona este método, é moi importante que, á parte de facer un recorte funcional, se leve un bo control das vacas coxas con visitas periódicas de recorte terapéutico.

Outra estratexia que se utiliza é recortar as vacas dunha forma periódica, con visitas do podólogo semanal ou mensualmente. A súa principal vantaxe é que tes un bo control dos animais, sobre todo dos coxos, pero tamén é unha desvantaxe, porque podes focalizar o traballo do recorte só nas vacas coxas e esquecer un pouco o recorte funcional.


“O obxectivo principal do recorte funcional é restablecer a estrutura ideal do pezuño”

Son eficientes os baños de pezuños para as enfermidades podais infecciosas?

Viuse que o baño de pezuños é o método máis efectivo á hora de previr lesións de orixe infecciosa, pero hai que ter claro que é un método de prevención e non de curación. Se o utilizas da maneira correcta e tes en conta o deseño do baño, o manexo, o número de pases e o volume por vacas, será unha ferramenta indispensable á hora do control das lesións podais.

Con respecto ao deseño doutras instalacións existentes nas ganderías, coma os bebedoiros, os cubículos etc., que recomendacións farías para asegurar a saúde podal dos nosos animais?

En canto aos bebedoiros, é importante ter en conta que beber auga é un factor limitante, así que ten que haber suficientes puntos de auga para que os animais non se acumulen e non teñan interaccións nin pelexas por beber; ás veces ocorre que, por exemplo, queren beber dez vacas ao mesmo tempo e van só as que teñen un rango social máis forte. Ao aumentar o número de bebedoiros na instalación xa reducimos esas interaccións non desexadas.

Con respecto á cornadiza, o mesmo: ten que haber unha por animal para que todos, se o desexan, poidan comer no mesmo momento, e esta ten que estar axustada segundo o tamaño das vacas; debería estar un pouco inclinada. Tamén favorece a alimentación dos animais que o comedeiro estea máis elevado que o chan onde están a pisar as vacas: comerán máis rapidamente, o cal desembocará en que estean menos tempo de pé, que é o que nos interesa.

Por último, os cubículos tamén inflúen na saúde podal e poden ser un factor de risco ao estar directamente relacionados co tempo que as vacas pasan deitadas. Se son cómodos, os exemplares quererán estar alí e pasarán menos tempo de pé: isto reducirá o risco de xerar presións non desexadas sobre o pezuño e non haberá accidentes á hora de tombarse ou de levantarse.

Como deben ser as instalacións da recría para favorecer a súa saúde podal?

Sempre se tendeu a pensar que o que é bo para as vacas, tamén o é para a recría. Porén, actualmente está a aparecer un tipo novo de lesión: os pezuños mediais en forma de espiral, cando tradicionalmente era nos laterais. Descubriuse que empeza en idades moi temperás.

Para intentar evitar este problema, aconséllase que as xovencas teñan unha alimentación libre en lugar de cornadizas durante o máximo tempo posible, que os chans non teñan moita tracción para intentar evitar que exerzan un exceso de presión sobre os pezuños mediais á hora de alimentarse e, no caso de que haxa cubículos, evitar usar area: esta cae nos corredores e pode estimulalas a que exerzan máis presión ao ter máis tracción buscando alimentarse. É importante que as instalacións estean ben deseñadas tendo en conta o tamaño de crecemento de cada etapa do animal para que non haxa que exercer forzas excesivas. Finalmente, hai que arrimar bastantes veces a comida, para que tampouco teñan que facer ese esforzo excesivo sobre os pezuños mediais para alimentarse.

Que impresión che están xerando estas xornadas? Paréceche unha boa iniciativa que pode influír de maneira positiva no sector para difundir e ampliar coñecementos?

Estas xornadas parécenme unha moi boa iniciativa por parte de Seragro. É unha forma de concentrar os gandeiros e a xente involucrada no sector do vacún para aprender das cousas novas que van saíndo ou lembrar o que todos xa sabemos. Creo que é positivo para a educación de todo o sector; ademais, teñen moito éxito e vexo que cada ano vén máis xente, o cal resulta beneficioso.