A Memoria 2022 de Africor Coruña cumpre 30 anos apoiando o sector lácteo

Xa tedes á vosa disposición en formato dixital a Memoria correspondente a 2022 da Asociación Provincial de Criadores de Frisón da Coruña para o Control Oficial de Rendementos. Esta publicación, de periodicidade anual, ten nesta ocasión un carácter moi especial, pois a Asociación cumpre 30 anos traballando no control leiteiro.

Co fin de celebrar esta andaina, ademais dos 13 capítulos habituais, nesta Memoria reprodúcese un extracto dos datos máis salientables da primeira Memoria de Africor Coruña, correspondente ao ano 1992, entre os que están, ademais da reprodución da portada e da primeira xunta de goberno, as 50 mellores primíparas por produción, as 50 mellores vacas, as medias de produción por explotación e, para finalizar, as fillas de touros do Censyra e a media de produción prevista.