A Memoria de Africor Coruña 2020, dispoñible on-line

A Asociación para o Control Leiteiro Africor Coruña presenta a súa Memoria de actividades, na que recolle o labor realizado pola Asociación en 2020, un ano que, segundo recoñecen, será recordado, sen dúbida, pola Covid-19, un virus que puxo a proba a toda a sociedade.

Nesta crise, resaltan na presentación do libro, o sector primario demostrouse como imprescindible para a supervivencia de todos e seguiu traballando para poder atender a unha necesidade primordial do ser humano, como é a alimentación. O sector da produción de leite e, en concreto, todos os asociados non deixaron de atender as súas explotacións para que cada día se puidese atopar nas tendas de alimentación un produto tan básico nas dietas como é o leite.

A Memoria recompila, como vén sendo habitual, entre outra moita información, os servizos que lles ofrecen aos seus asociados, as actividades levadas a cabo, os datos do control leiteiro e os méritos das principais ganderías no seu labor como criadores e produtores de leite da provincia. Como novidade, cabe destacar o novo deseño da súa portada.