ACTUALIDADE

A Moexmu recibe o XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural no seu cuadraxésimo aniversario

O acto de entrega do Premio tivo lugar no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo o pasado 1 de marzo. O xerente da Moexmu, José Manuel Rus, recolleu a placa conmemorativa do Premio Aresa e o galardón coa parte económica. Ver en Vaca Pinta 44.

Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Álvaro Rodríguez, presidente de Aresa, e José González, conselleiro do Medio Rural, presidiron o venres 1 de marzo o acto de entrega do XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural á Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu).

A esta cita tamén acudiron o vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco José Fraga; a conselleira e directora de Marketing e Exportación de Aceites Abril, Elena Pérez; a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC, Ángeles Romero; a vicepresidenta de Aresa, Carlota López, e a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos.

Así pois, o reitor da USC deu inicio á gala e concedeulle a palabra a Elena Pérez, membro do xurado desta edición, que impartiu a conferencia maxistral “O aceite que pon en valor a gastronomía local”. Durante o relatorio falou de como construír marca reivindicando o patrimonio culinario, as festas gastronómicas ou as tradicións e fixo referencia á premiada deste ano tamén neste senso, como unha feira de gran prestixio que celebrará en abril a súa 40 edición.

Posteriormente, o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga, leu publicamente a acta coa resolución do xurado na que destacaron o papel da Moexmu para a profesionalización do sector gandeiro, a remuda xeracional, o desenvolvemento rural e a posta en valor da gastronomía local.

José González entregoulle a placa conmemorativa do Premio Aresa ao xerente da Moexmu, José Manuel Rus, e Álvaro Rodríguez deulle o galardón cos 10.000 euros.

A 40.ª EDICIÓN DA FEIRA, EN ABRIL

José Manuel Rus dirixiuse ao auditorio e comezou agradecéndolle o premio ao grupo Aresa, á Universidade e aos membros do xurado: “É moi gratificante para min e para todo o equipo recibir este premio” foron algunhas das súas palabras.

A continuación enumerou os obxectivos principais da feira, entre os que destacou “potenciar o sector primario, sobre todo a través do concurso, da exposición, da poxa e tamén da artesanía, co exemplo dos zoqueiros; loitar contra o despoboamento, gran problema do rural a día de hoxe, e recoñecer tamén o espírito emprendedor da veciñanza de Muimenta”.

Rus finalizou a súa intervención reivindicando que Aresa e a USC “deberían tamén ter algún tipo de recoñecemento por promover iniciativas como a deste Premio” e convidou a todos os asistentes a achegarse á próxima edición da Moexmu, que cumprirá o seu corenta aniversario a primeira fin de semana de abril.

O FUTURO DO RURAL, RETOS E OPORTUNIDADES

Tras a entrega do Premio interveu o presidente de Aresa, quen reforzou unha vez máis a contribución desta feira ao rural lucense e agradeceu a asistencia de todo o público. Inmediatamente, deulle paso á vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López, que tomou a palabra no nome da entidade.

López destacou a transformación do rural durante os vinte e catro anos de celebración deste premio. Así mesmo, puxo de manifesto os retos aos que se terá que enfrontar o mundo rural, “a adaptación á normativa ambiental, a remuda xeracional e a competitividade”, pero tamén enumerou as oportunidades coas que xa se contan, coma “o alto grao de tecnificación e profesionalización das empresas, das que son exemplo a gran parte das candidaturas ao Premio”. Da Moexmu, a vicepresidenta de Aresa puxo en valor “a súa ampla traxectoria, a súa implicación cos empresarios e empresarias da comarca e o desenvolvemento de novas iniciativas cada ano”.

Por último, Carlota López agradeceulle á Universidade de Santiago de Compostela a súa total dedicación para seguir adiante co Premio Aresa, aos membros do xurado –Antonio López, reitor da USC; Francisco José Fraga, vicerreitor do Campus de Lugo; Elena Pérez, conselleira e directora de Marketing e Exportación de Aceites Abril, e Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC– o seu esforzo para resolver esta edición e ao conselleiro e a todos os asistentes, a súa presenza no acto.

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, felicitou unha vez máis á Moexmu e ao resto das candidaturas presentadas nesta edición. Recoñeceu a Álvaro Rodríguez como “un exemplo de vitalidade e de compromiso co rural” e augurou “un futuro por diante para moitas máis edicións do Premio Aresa”.

A gala foi clausurada polo conselleiro do Medio Rural, José González, que resaltou “o seu compromiso pleno co sector e con este tipo de certames como a Moexmu, porque un dos nosos obxectivos debe ser apoiar todos os proxectos que estean encamiñados a mellorar o medio rural”.


José Manuel Rus
José Manuel Rus, xerente da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU)

 

“A MOEXMU sempre intentou axudar e poñer en valor o sector primario”

Que supón para a Moexmu gañar o Premio Aresa?

Para a veciñanza de Muimenta é todo un recoñecemento ao traballo levado a cabo ao longo destas catro décadas. A xente está encantada e feliz co Premio polo prestixio e a importancia que ten recibilo. É certo que para sacar esta feira adiante contamos con moitas colaboracións tanto públicas coma privadas, pero o motor e a alma da Mostra segue sendo o pobo, a través dos seus empresarios. Durante estas corenta edicións vivimos algúns momentos complicados; porén, a Moexmu sempre intentou axudar e poñer en valor o sector primario co esforzo de todos os veciños e veciñas.

Como foi a evolución da feira durante estes 40 anos?

Dos pouco máis de vinte participantes entre artesáns e expositores da primeira edición aos máis de 25.000 m² que temos hoxe, a evolución foi constante; de feito, non coincide nin a data de celebración, que pasou de xullo a abril. A parte principal do programa da feira é o apoio ao sector produtor, pero tamén se foron consolidando outras actividades que gustaron ou que foron demandadas polos asistentes.

Igualmente fomos testemuñas da transformación que viviu o rural de Galicia. O número de ganderías que están abertas a día de hoxe dista moito en número das existentes na década dos oitenta. Agora son máis grandes, cun maior número de cabezas, con mellor xenética, con máis produtividade etc., e a feira acompañou nesa revolución tecnolóxica ás granxas; con todo, tamén vivimos o gran problema que temos a día de hoxe: o abandono do rural.

Que actividades ou iniciativas da Moexmu consideras que influíron máis á hora de ser recoñecida con este galardón?

Na memoria que se elaborou para presentar a feira ao Premio Aresa incidimos sobre todo no Concurso da Raza Frisona, a Exposición de Raza Rubia e a Poxa de Gando Selecto, que axudaron á profesionalización do sector ao apoiar a remuda xeracional nas ganderías, pero tamén nas tradicións que ao longo destes anos se mantiveron na Moexmu: os artesáns en xeral e a presenza dos zoqueiros en particular, principal motor económico de Muimenta durante as décadas dos corenta e cincuenta do século pasado.

Que proxectos tedes en mente para futuras edicións?

A alma do programa son as actividades relacionadas co gando, aínda que tamén teñen cabida as demostracións dos artesáns, o campionato de cans de palleiro… Esta cuadraxésima edición vai ser un pouco continuísta, xa que estamos limitados polo espazo.

A nosa idea, unha vez celebrada a Festa da Filloa, será realizar un acto de homenaxe aos 89 homes e 10 mulleres que forman ou formaron parte das seis comisións de empresarios que organizan a Moexmu de maneira rotatoria.