A nova edición dos Encontros Gandeiros de Xundeva celebrarase en novembro

A nova edición dos Encontros Gandeiros de Xundeva celebrarase en novembro

O vindeiro xoves 9 de novembro, o Pazo de Liñares de Lalín (Pontevedra) acollerá os XVIII Encontros Gandeiros da ADSG Xundeva, en horario de mañá. O acto iniciarase ás 11:00 horas cun café de benvida e, posteriormente, o presidente de Xundeva, Manuel Fernández, e o concelleiro do Medio Rural do Concello de Lalín, Marcos Mariño, inaugurarán as xornadas.

A continuación, Santiago Martínez, xefe de sección de Sanidade Animal na Subdirección Xeral de Gandería da Xunta de Galicia, será o primeiro en intervir e centrarase no papel do veterinario de explotación en relación á normativa europea de sanidade animal. Máis tarde, o veterinario en Oceva Manuel V. Morales afondará durante a súa quenda na enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) cun enfoque a nivel de rabaño. A última exposición do día será sobre a continuidade do negocio e a adaptación ás novas normativas, da man de Carlos Carbonell, técnico veterinario de vacún de leite en MSD Animal Health; Suso Vigo e Suso Andújar, de Gandeiría Berdón, e Manuel Donsión.

Ao final da mañá, Jorge Cubela, deputado de Reto Demográfico, Mocidade e Desenvolvemento Rural; José Crespo, alcalde de Lalín, e Manuel Fernández, presidente de Xundeva, serán os encargados de clausurar o evento.