A nova PAC, o manexo na actualidade e as demandas da industria, temas da Xornada Técnica de Africor Lugo e Vaca Pinta

A nova PAC, o manexo na actualidade e as demandas da industria, temas da Xornada Técnica de Africor Lugo e Vaca Pinta
  • O encontro celebrouse ao longo do día de hoxe no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.
  • O programa contou con seis relatorios técnicos, un consultorio sobre a PAC e unha mesa redonda con representantes de varias industrias transformadoras de leite.

As xornadas técnicas de Africor Lugo e a revista Vaca Pinta tiveron lugar un ano máis no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo para abordar diversos temas de actualidade do sector vacún leiteiro. Os relatores desta edición puxeron o foco en temáticas como a nova PAC, o manexo de granxas na actualidade, as demandas da industria, as posibilidades da monitorización e as novas tecnoloxías na gandería.

A cita comezou ás 10:30 h cun relatorio de José Bernardo, director territorial de Agroseguro na zona Noroeste, quen falou da situación do agroseguro en Galicia, das experiencias da última campaña e das posibilidades de futuro. Seguidamente, subiu ao estrado Celso Sevillano, técnico do Servizo de Axudas Gandeiras da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), quen repasou as novidades máis destacables da nova PAC para as granxas de leite en Galicia. Tras el, o director de Abanca Agro, Jesús Combarro, presentou as mellores alternativas para o financiamento de circulante.

Ás 11:30 h, houbo un descanso para o café e, á volta, tomou a palabra Susana Astiz, investigadora científica do departamento de Reproducción Animal do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA), entidade integrada no CSIC, que se centrou nesta ocasión no coidado da recría, como futuro das explotacións leiteiras, xa que os primeiros días de vida teñen efectos importantes na saúde e na produtividade de toda a vida dos animais. Ademais, destacou todas as novidades que se están traballando no tocante ao costro e tamén á microbiota dixestiva das xatas.

A continuación, a xornada xirou cara as novas tecnoloxías no vacún leiteiro e para iso Guillermo Lorenzo, de Veterinaria Integral Galega, explicou cómo as novas tecnoloxías axudan na monitorización dos animais e na interpretación dos datos de cada granxa. Focalizou parte da súa intervención nun exemplo concreto, como son as cetoses. A mañá rematou cunha última charla a cargo de Juan Pedro Campillo, responsable global de Solucións Tecnolóxicas para Ganderías de Leite en MSD Salud Animal. O veterinario compartiu unha breve introdución á granxa de leite intelixente e relatou como o rumbo do sector se dirixirá á implementación de solucións tecnolóxicas que incrementen o rendemento produtivo e a calidade de vida dos gandeiros e dos seus traballadores.

A sesión da tarde dedicouse ao futuro do mercado lácteo e á relación entre gandeiros e industrias. De abordar as perspectivas futuras do sector encargáronse os expertos e profesores do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Francisco Sineiro e Jorge Santiso.

Antes de iniciar a recta final, a xornada foi inaugurada oficialmente por José Balseiros, director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural; Roberto Fernández, deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo; Maribel Quiroga, vicedecana da Facultade de Veterinaria, e Manuel Sandamil, presidente de Africor Lugo.

O evento concluíu cunha mesa redonda moderada polo especialista en gandería e colaborador de La Voz de Galicia, Xoán Ramón Alvite, na que interviñeron catro representantes de industrias lácteas: Carmen Lence, de Grupo Leite Río (Lugo), Antonio Larrea, de Grupo Covap (Córdoba), Ignacio Quintanilla, de Leche Gaza (Zamora), e Benigno Pereira, de Queixerías Bama (A Coruña).

Cada un deles detallou as liñas clave das súas correspondentes empresas e seguidamente comezaron a debater sobre o tipo de produtos lácteos que demandará o consumidor nun futuro, os perfís que primará cada industria para darlle resposta a estas demandas, as formas de producir leite e as certificacións asociadas, a produción sostible, as eivas que segue habendo no sector para transmitirlle á sociedade a súa verdadeira realidade e as oportunidades de internacionalización do mercado lácteo.