A OPL insta á unidade do sector en todas as manifestacións convocadas para esta semana

A OPL insta á unidade do sector en todas as manifestacións convocadas para esta semana

Mañá martes, 9 de novembro, e o xoves, día 11, están convocadas concentracións diante de Lactalis Zamora, así como noutras comunidades, e a Organización de Produtores de Leite (OPL) espera a unidade de todo o sector -sindicatos, cooperativas, gandeiros e todos os que viven indirectamente e directamente do noso sector- para facer unha fronte común con moita máis forza nestes momentos tan difíciles para o colectivo.

Cren que a presión a Lactalis é fundamental xa que "é a industria máis forte no noso país e a que máis dano leva facendo desde hai anos, a que marca todas as pautas a seguir do resto e unha das culpables de que os prezos do leite non suban tal e como esixe a Lei, uns prezos que cubran os custos de produción".

"Todo está a subir sen parar ao noso ao redor -apuntan no seu comunicado-, mesmo nos supermercados todo sobe, menos o leite, e isto está a provocar o colapso de todas as granxas en España, abocadas ao peche, se non se pon remedio canto antes".

Desde a OPL reclaman que "o ministro continúa sen aparecer, sen facer ningunha declaración respecto da grave situación pola que estamos a pasar, sen intervir con carácter de urxencia para que se cumpra dita Lei".

Finalmente aconsellan que "non se asine ningún contrato, nin ningunha revisión de contratos, mentres non cubra os custos reais. Temos todo o dereito de negociar os nosos contratos e non asinar o primeiro que nos traian. Unidade para non asinar é a mellor maneira de protestar e de facer presión. Hai que ser conscientes de que se se asina por baixo de custos, estamos a permitir que nos arruínen. Hai que denunciar todas as presións da industria. Hoxe en día non se poden asinar contratos a menos de 40 céntimos de media".