VETERINARIO DE ALBAIKIDE

J.M. Loste: “A percepción dos clínicos e dos gandeiros respecto ao BVD mellorou, témolo moi presente no noso traballo”

O veterinario Juan Manuel Loste centrou o seu relatorio na última edición da Xornada Técnica Africor Lugo-Vaca Pinta no virus da diarrea vírica bovina (BVD), a patoloxía vírica de vacún máis estendida a nivel mundial. Sobre a evolución do seu control, os pasos pendentes para acadar a súa erradicación e o impacto global que ten para unha granxa afectada fala nas liñas que seguen. Más en Vaca Pinta 45.

En que cifras nos movemos en España en canto a volume de casos de BVD?

Vendo os estudos que houbo nestes últimos anos, e tendo en conta cando noutros países estiveron elaborando programas de erradicación, si que se viu que é o virus máis persistente, tanto en explotacións de vacas de carne como de vacas de leite, e tanto en canto ao número de rabaños positivos (que en moitas zonas chega a ser practicamente o 100 %) como no que respecta ao número de animais afectados dentro deses rabaños. De feito, é unha enfermidade para a que se leva anos vacinando, que se tenta controlar unicamente con vacinas, e a persistencia non baixou, excepto en zonas como Galicia, onde hai programas instaurados de control e erradicación.

Os cadros clínicos desta enfermidade son diversos. Que problemas concretos se poden observar?

Depende un pouco, non sei se da explotación –de en que lotes están a circular os PI [animais permanentemente infectados]– ou das cepas de virus, pero hai granxas nas que principalmente o que vemos son problemas reprodutivos e outras, sobre todo en ganderías máis grandes, onde é máis difícil que os PI cheguen aos lotes de produción porque a maioría deles morren antes. Aí vemos sobre todo problemas en primeiras idades, hai moita mortalidade nesta etapa, e unha fertilidade moi baixa nas xovencas.

Mellorouse na rapidez de diagnóstico da enfermidade nos últimos anos?

Creo que si, pero máis que falar de rapidez, eu diría que mellorou a percepción dos clínicos e dos gandeiros respecto da BVD, é unha enfermidade que temos moi presente no noso traballo do día a día. Tamén é verdade que os laboratorios nos dan cada vez máis ferramentas. Por iso creo que o que mellorou é, sobre todo, a eficacia. Digamos que os resultados que estamos a obter concordan cada vez máis co que estamos a ver no campo.

Que pautas se deben seguir nas granxas tanto para o seu control como para a súa erradicación?

O máis importante, e unha das cousas nas que temos máis que mellorar nas explotacións de vacas, é a bioseguridade. O primeiro que temos que tentar é que a enfermidade non entre na nosa granxa, e nese sentido quédanos moito camiño por percorrer. Logo, unha vez que temos a enfermidade xa dentro, pois hai que instaurar un bo programa de vacinación (agora estamos a obter resultados moi bos coas novas vacinas vivas) e o ideal sería complementalo cunha procura de PI e eliminación ao nacemento.

Cales son os factores esenciais para previr a aparición da BVD?

A clave para previr está na entrada de animais. A BVD é unha enfermidade que chega a catro patas, pola compra de novos exemplares, excepto en granxas cuxos rabaños saen a pastos comunais ou que teñen zonas de moita densidade. Neses casos, á parte de testar os animais que se compran, deben estar vacinados aqueles que estean nesas situacións.


“A clave para previr está na entrada de animais. A BVD é unha enfermidade que chega a catro patas, pola compra de novos exemplares”

Cal é o impacto sanitario e económico nas ganderías afectadas?

Hai moitos estudos sobre o impacto económico e é algo que depende de factores como o número de PI, a densidade de animais, as pautas de control que poñamos... Todos os países, cando levan a cabo un programa de erradicación (e imaxínome que en Galicia sería o mesmo), fan unha valoración económica. Por exemplo, en Escocia, nas análises que se fixeron previas á erradicación do BVD, máis ou menos calculaban o impacto en 60 euros por vaca de carne presente en granxas con PI e estimábase que cada PI dentro da explotación provocaba unha perda económica duns 1.000 euros.

Que secuelas pode xerar a entrada do virus nunha granxa?

As secuelas que haxa dependerán principalmente de como afecte o virus ao sistema reprodutivo dos animais enfermos. Ademais, hainas de todo tipo. Por unha banda, están as económicas e, pola outra, no que se refire á saúde do gandeiro, tamén hai que ter en conta as psicolóxicas, tanto cando ten o BVD como cando se lle expón facer un programa de erradicación. Nese momento, un negocio que teña, por exemplo, 100 vacas, se cadra necesita sacrificar 15 ou 20 xovencas ou xatas PI, que aparentemente están sas. Iso ten un custo psicolóxico.

En que momento nos atopamos agora mesmo en canto ao estudo desta afección?

Eu creo que nos queda moito por facer, a pesar de todo o que avanzou a investigación respecto desta enfermidade nos últimos 15 anos. Hai moitos países con programas de erradicación, principalmente en Europa, e o que se vai vendo conforme nos imos achegando á eliminación, é que máis problemas novos aparecen. Isto tamén pasou, por exemplo, coa tuberculose: é moi fácil baixar dun 10 % a un 0,5 %, pero é moi difícil terminar con ese 0,5 %. Ocorreu nalgúns países nórdicos, onde a teñen practicamente erradicada, pero de cando en vez aparecen rabaños positivos debido, se supón, a algún problema de transmisión, de diagnóstico, de vectores... En calquera caso, ese sería o paso pendente para chegar á súa erradicación.