A práctica, unha dimensión esencial para a Facultade de Veterinaria de Lugo

A práctica, unha dimensión esencial para a Facultade de Veterinaria de Lugo

A granxa experimental Gayoso-Castro e os establos de que dispón o Hospital Veterinario Rof Codina permiten ao alumnado da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC realizar un amplo catálogo de prácticas en gando vacún. Porén, dende a dirección do centro explican as limitacións destas instalacións, xa que o centro universitario non podería, en ningún caso, contar cunha granxa de cada unha das especies animais.

Esta eiba sálvana as accións de colaboración entre a Facultade e os axentes dos distintos sectores produtivos, que fan posible que o alumnado poida complementar a formación académica recibida nas aulas en preto de 40 explotacións agrogandeiras ou establecementos ligados ao sector alimentario.

A práctica é unha dimensión esencial da formación dos profesionais do ámbito veterinario, subliña o decano do centro, Gonzalo Fernández, que remarca o seu agradecemento pola boa predisposición dos axentes produtivos, materializada en acordos, a través dos que as empresas permiten o uso das instalacións das súas granxas ou establecementos por parte do alumnado de Veterinaria para a realización de tarefas académicas guiadas por docentes.