As diferentes fases da alimentación da recría e a necesidade de incorporar a análise de datos tamén nas primeiras idades, como xa se realiza cos animais de produción, foron os dous puntos clave do relatorio que a veterinaria asesora en recría, Carolina Tejero, impartiu no último Congreso de Anembe.
Cales foron os pasos da súa traxectoria como veterinaria desde os seus inicios ata o día de hoxe?
Estudei en Madrid e, despois, funme ao norte de España a traballar nunha cooperativa de Asturias, dando servizos de clínica e reprodución. Máis tarde, trasladeime a Galicia para centrarme máis en reprodución e saúde cun grupo de veterinarios.
Xurdiu a oportunidade de incorporarme ao equipo do Rancho Las Nieves, o centro de recría máis grande, eu creo, a nivel europeo, e alí fixen un máster en recría. Así foi como me especialicei na área das xatas, das xovencas, das futuras nais das granxas de leite. Actualmente, son asesora en recría dentro do Servizo Técnico de MSD Animal Health.
En que temas centrou o relatorio do seu último Congreso de Anembe?
Falei do manexo nutricional das xatas de recría nos primeiros meses de vida, sobre todo polo grande impacto que se ve que pode ter esta fase. É unha fase moi curta, pero ten efectos tanto a curto, como a medio e a longo prazo na economía da granxa. Tamén fixen un repaso sobre a saúde, os crecementos e o desenvolvemento dos animais.
É a parte máis importante que temos nas granxas e é un dos puntos nos que debemos crecer bastante.
Detívenme no manexo do costro, o primeiro alimento que consomen os animais nada máis nacer, para continuar co leite de transición e, despois, ver como facemos o cambio á alimentación líquida nas primeiras fases e á sólida.
Puxen diferentes exemplos e casos reais de datos e indicadores sobre os que traballamos nas granxas, para ver como aplicar certas melloras.
Que novidades presentou sobre o costro?
Creo que houbo unha revolución en canto ao costro. Antes, viámolo como inmunoglobulinas soamente e, agora, tense visto que hai moitos máis compoñentes que forman parte do costro. Estudáronse realmente as súas funcións biolóxicas e confirmouse a parte de que traballa como unha inmunomodulación, os seus factores antimicrobianos e tamén como afecta a factores de crecemento. Vimos que é un compoñente moi rico que temos que saber aproveitar nas granxas.
Que aspectos destacou en relación ao leite de transición?
Debémonos de quedar con que en moitas granxas utilizabámolo de maneira normal, porque era un leite que non se incorporaba no tanque ata o segundo ou o terceiro muxido, e usábase para alimentar as xatas durante os seguintes días á toma de costro.
Co aumento do tamaño das explotacións e a complexidade de separar ese leite, isto complicaba un pouco a loxística e, agora, viuse, en numerosos estudos, que realmente ese leite ten efectos moi positivos sobre o de-senvolvemento destas idades temperás. Proporciona a parte de inmunoglobulinas, cunha protección a nivel sistémico, e, ademais, este leite de transición achega toda unha protección a nivel intestinal, que nos interesa moito nesta fase tan importante na que temos máis problemas, tanto de absorción como con patóxenos.
E en relación ao cambio de líquido a sólido?
Temos varias opcións para alimentar con líquido. Podemos facelo con leite de vaca, con leite en po ou con leite de descarte. Sempre se buscou como estándar alimentar con leite de vaca, pero en moitas granxas, por un tema económico, decídese traballar con leite en po, que é un dos puntos onde houbo máis revolución.
Preguntámonos como se formulou, cal é a composición, as materias primas que se utilizaron e os tratamentos térmicos que fixeron posible que dispoñamos de leites con moita máis dixestibilidade para esas idades iniciais, para que realmente o leite que damos teña dixestibilidades similares ao de vaca. Eu creo que foi unha das grandes revolucións.
Fixo repaso tamén por aspectos de manexo. Que puntos da súa charla cre claves?
Nestas primeiras fases empezamos a reagrupar antes os animais. Ata hai pouco tempo, traballabamos con casetas individuais e non pasabamos pronto a grupos. Agora, vemos que a interacción entre varios animais fomenta o consumo tanto de leite como de penso starter.
A introdución das amamantadoras en moitas granxas deunos a posibilidade de poder alimentar as xatas en niveis máis altos e dunha maneira máis natural. Antes, só podiamos alimentalas pola mañá e pola tarde, dúas veces ao día, ou nalgunhas granxas, que facían maiores esforzos, chegaban a darlles tres veces ao día. A amamantadora pode dar moitas máis racións, máis pequeniñas, máis adaptadas ao animal, e isto si que nos permitiu mellorar, sobre todo, no primeiro mes de vida, que era un pouco limitante, porque todo o mundo tiña medo a utilizar planos altos e realmente non hai problema en utilizar planos altos nestas primeiras idades de vida, se temos un bo desenvolvemento intestinal e as tomas se adaptan ás necesidades da xata.
É necesario valorar a importancia dos datos na recría?
Se comparamos os datos que temos en recría cos que manexamos para as vacas, veremos que son datos moi básicos, como moito se cadra temos mortalidade. En moitos casos nin sequera temos incidencia de enfermidade, non temos crecementos, podemos saber a cantidade de leite, pero non sabemos a cantidade de penso que consomen…
Realmente é moi difícil tomar decisións cando non temos ningún dato para valorar se o estamos facendo ben ou mal. Só o facemos coa nosa percepción e as percepcións individuais poden ser moi diferentes. Entón, si que en cada un dos parámetros, por exemplo, co costro, podemos ter indicadores en granxa e tomar datos que nos poden axudar a determinar se os animais foron ben encostrados ou non.
O mesmo sucede na fase lactante. Debemos saber realmente como se comportan os animais, o estado de saúde e as ganancias medias diarias. Se non sabemos canto crecemos, non sabemos se o noso sistema nutricional está a funcionar ou se temos problemas graves de saúde que tamén nos poden estar a penalizar o crecemento destes animais.
Por todo iso, hai uns datos básicos que temos que ter. Supoño que no futuro teremos ferramentas moito máis automatizadas para recollelos. Por agora, quédanos un campo grande, e hai que tomalos de maneira manual. As nosas táboas permítennos polo menos saber os puntos nos que temos que prestar atención, en que puntos non cumprimos os nosos obxectivos, para poder pór medidas, e, cando tomamos medidas, ver se funcionan.
Con que titulares lle gustaría que quedasen os veterinarios?
A recría é un período dos máis caros en todo o ciclo de vida, pero, se investimos nestas primeiras idades, imos ter mellores resultados a futuro. Non podemos perder a oportunidade que temos de garantir que os animais que estamos a criar sexan boísimas futuras nais, con cifras produtivas moi altas, que poidan expresar todo o seu potencial xenético.
Creo que xa somos máis conscientes de que estas primeiras idades teñen un impacto moi grande na economía. Debemos quedarnos con tres aspectos. Primeiro, coa importancia da saúde neste período, porque é cando máis enfermidades podemos ter; segundo, coa idea de que crezan moito, pois prodúcense moitos cambios de alimentación nun prazo curto de tempo e debemos facelo todo o máis preciso e correcto posible para conseguir un desenvolvemento intestinal adecuado, e, terceiro, coa necesidade de traballar con datos, xa que se queremos marcar obxectivos, debemos saber como nos atopamos.