Como clave para o progreso do sector, a Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe) apuntou cara á sustentabilidade como factor esencial na última edición do seu congreso anual. Asistiron ao redor de 800 veterinarios de todo o país, contouse coas exposicións dunha trintena de expertos e houbo máis de medio cento de conferencias técnicas. Máis en Vaca Pinta 45.
Córdoba foi a cidade elixida para a celebración do XXVI Congreso Internacional Anembe de Medicina Bovina de España, unha reunión que organiza anualmente a Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe). Do 24 ao 26 de abril, uns 800 profesionais veterinarios de todo o país déronse cita nesta cidade andaluza para afondar en aspectos como as emisións de gases de efecto invernadoiro, a xestión de residuos, a saúde do ubre, os novos retos e obrigacións dos profesionais veterinarios, as últimas novidades en nutrición na recría e as actualizacións relativas á reprodución en vacún.
UNHA EDICIÓN QUE MANTÉN O NIVEL ALTO
Facendo alusión á sustentabilidade como fío condutor das conferencias desta edición, o presidente de Anembe, Juan Carlos González, destacou a importancia de velar tanto “pola sustentabilidade das producións, como pola sustentabilidade da profesión veterinaria; non hai unha sen a outra”. Nesta liña, e tendo en conta a última lexislación relacionada co cambio climático e as emisións de metano, púxose o foco en enunciar, a través dun grupo de expertos do máximo nivel, as achegas da gandería á nosa sociedade. Para iso, a organización tivo a posibilidade de duplicar o número de salas paralelas: catro fronte ás dúas da edición de 2023. “Entendemos que é un pouco complicado, porque hai moitos temas importantes que se suceden ao mesmo tempo, e iso podería dispersar a xente, pero a ampla proposta temática deste ano así o requiría e cremos que foi o ideal”, explicou o presidente.
Tamén desde a organización destacaron que non hai ningún evento onde os asistentes poidan interactuar con máis de medio millar de profesionais nun espazo e tempo tan concreto como o que ofrece esta reunión. Neste sentido, o Congreso Anembe seguiu batendo récords: ao redor de 800 asistentes, 34 relatores, 4 salas paralelas, 48 casas comerciais, medio cento de exposicións técnicas, 43 comunicacións orais e 18 pósters. “Outra das novidades deste ano foi incluír as comunicacións orais a continuación das charlas principais, para darlles aos autores máis novos un espazo con máis entidade; esperamos que o valorasen de maneira positiva”, sinalou González.

MÉRCORES: SAÚDE DO UBRE, REPRODUCIÓN E XESTIÓN DE RESIDUOS
Como vén sendo habitual, e a modo de previa ao inicio do Congreso, o mércores 24 á primeira hora da mañá tiveron lugar un taller e un seminario en granxa. O taller, a cargo de Tom Greenham (Advanced Milking), abordou a avaliación práctica dos factores de risco para a saúde do ubre en sistemas de muxido automatizados e as ferramentas dispoñibles para medir áreas clave de rendemento; o seminario, no que interveu como relator Giovanni Gnemmi (Bovinevet Internacional), afondou no diagnóstico ultraprecoz de xestación con ecografía Doppler e a viabilidade do seu uso rutineiro no control reprodutivo da granxa.
Xa en sesión vespertina desenvolvéronse, no Centro de Exposicións, Feiras e Convencións de Córdoba, as sesións teóricas. Os profesores Francisco Peñagaricano (Universidade de Wisconsin-Madison, EE.UU.), Michael Steele (Universidade de Guelph, Canadá), Meredyth Jones (Universidade de Oklahoma, EE.UU.) e Alberto Sanz (Universidade Politécnica de Madrid) foron os primeiros en tomar a palabra. Peñagaricano, Steele e Jones fixérono con tres relatorios dobres. O investigador de Wisconsin-Madison tratou a cría sostible de vacas de leite e a súa fertilidade na era posxenómica; Steele, os novos conceptos relativos á nutrición de xatos, e Jones, a interpretación de hemogramas e de probas bioquímicas en análises de sangue en bovinos. Pola súa parte, o investigador da UPM enunciou a alteración do ciclo do nitróxeno en España, así como a cuantificación en campo e as estratexias de mitigación das emisións de amoníaco pola aplicación de xurros. Tras el, tomou a palabra Juan Castro (Xunta de Galicia), quen presentou o xurro de vacún como fertilizante sostible tanto ambiental como economicamente e reflexionou sobre a necesidade real do volume actual de papelaxe para poder xestionar correctamente este residuo. Tras a pausa para o café e o acto inaugural, tivo lugar a relatorio maxistral sobre o papel da proteína animal na sustentabilidade da saúde, a cargo do doutor especialista en endocrinoloxía, nutrición e medicina Antonio Escribano Zafra. Seguidamente, desenvolvéronse as últimas exposicións técnicas da xornada. Os doutores Gnemmi e Greenham volveron intervir, nesta ocasión abordando as limitacións e o potencial do Doppler para o manexo reprodutivo de gando leiteiro e de carne, no caso de Gnemmi, e a saúde do ubre e a xestión de mastites ambientais e contaxiosas en sistemas de muxido automatizado, no caso de Greenham. En paralelo, o profesor da Universidade de Murcia Juan Seva expuxo as aplicacións prácticas do sistema visual de bovino de lidia.
XOVES: NUTRICIÓN, XESTIÓN, CASOS PRÁCTICOS E NOVOS RETOS E OBRIGACIÓNS LEXISLATIVAS
As charlas do segundo día de congreso comezaron con Julio Giordano (Universidade Cornell, EE. UU.) falando do manexo reprodutivo de precisión ou dirixido, con Paolo Moroni (Universidade Estatal de Milán, Italia), quen aludiu ao efecto do uso de acondicionadores de cama sobre o reconto microbiolóxico nos materiais de cama orgánicos; con David Yáñez (EEZ-CSIC), que describiu o emprego de suplementos nutricionais para reducir a produción de metano en gando leiteiro e cárnico, e con Javier Blanco (Universidade Complutense de Madrid), o cal deu a coñecer as actualizacións en anestesia e cirurxía reconstrutiva en gando de lidia e extensivo.
Nunha segunda parte das súas exposicións, Giordano enunciou o monitoreo e o manexo de saúde con sistemas automatizados e Moroni enumerou unha serie de estratexias efectivas para a prevención e o tratamento da mastite por Klebsiella. Do mesmo xeito, o investigador da Universidade de Bruxelas (Bélxica) Frederic Leroy ofreceu unha conferencia na que puxo o foco na Declaración de Dublín e no que di a ciencia sobre o papel da gandería na sociedade, mentres que o veterinario Carlos Franco (Franco Veterinarios) expuxo unha serie de casos clínicos a través dos cales presentou a resolución cirúrxica da torsión uterina en vacas no último terzo de xestación, a infiltración do nervio ciático tras partos distócicos por exceso de volume fetal e o uso de cirurxía ovárica para solucionar problemas de infertilidades.
Ao mediodía, as salas de exposicións cambiaron de temáticas. O doutor Albert de Vries (Universidade de Florida, EE. UU.) aludiu na súa intervención á vida produtiva economicamente óptima do gando leiteiro; o investigador da Universidade de Kiel (Alemaña) Ignacio Ipharraguerre explorou a permeabilidade intestinal e a endotoxemia metabólica na produción de leite e a saúde do gando leiteiro; David Yáñez, do EEZ-CSIC, centrouse nas oportunidades de incorporación de medidas de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro da gandería nos inventarios nacionais e o profesor da Universidade de Santa Fe (Arxentina) Rubén Mazzini referiuse á resolución de patoloxías da rexión umbilical.

Na última quenda da mañá, De Vries abordou a economía no momento de iniciar e deter a inseminación de vacas leiteiras, mentres que Mazzini detallou a anestesia circular ocular en bovinos. Por outra banda, o profesor da Universidade Autónoma de Barcelona Álex Udina dedicou a súa charla ao impacto da calidade dos ensilados na saúde da ubre e calidade do leite, e o representante do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación Odón Sobrino explicou como cumprir coas obrigacións medioambientais e de redución e/ou mitigación de emisións coa MTDS.
Como xa é habitual, a sesión vespertina do xoves quedou reservada para os simposios ofrecidos polas casas comerciais patrocinadoras do Congreso.
CONFERENCIAS DAS CASAS COMERCIAIS
Ceva, Ecuphar, Qualivet, MSD Animal Health, DeLaval, Gea e Uniform Agri foron as casas comerciais que, como patrocinadoras do Congreso, tiveron a oportunidade de aproveitar o evento para ofrecer, na tarde do xoves, unha serie de simposios específicos.
A interpretación de datos reprodutivos en granxas de vacún leiteiro, a inmunidade, a nutrición e a produción, os sensores de monitorización e os novos portais de servizos dixitais, os sistemas de muxido automatizado por lotes e a análise das diferentes realidades das ganderías de vacas leiteiras en España foron algúns dos aspectos abordados.
VENRES: RECRÍA, REPRODUCIÓN, XESTIÓN SOSTIBLE E NOVAS TECNOLOXÍAS
A última parte desta edición do Congreso Anembe comezou á primeira hora do venres coas exposicións de Osvaldo Pascottini (Universidade de Dublín, Irlanda), quen enunciou os aspectos innovadores da endometrite en vacas de leite —orixe e efectos da fertilidade e fundamentos do tratamento non antibiótico—; de Lorena Castillejos (Universidade Autónoma de Barcelona), que ofreceu unha revisión de tecnoloxías e sensores dispoñibles en gando leiteiro; da representante da Asociación Española de Produtores de Vacún de Carne (Asoprovac) Maltilde Moro, encargada de presentar as estratexias de mellora de sustentabilidade das granxas bovinas, e de Luis Miguel Ortega (UCM), o cal se centrou na bioseguridade nas granxas de vacas nodrizas.
Tras eles, desenvolvéronse as exposicións sobre as perdas embrionarias fetais e os avances en programas de sincronización para IATF en gando de carne, sobre sustentabilidade en vacún de carne e sobre gandería sustentable e solucións climáticas para este sector, das cales se encargaron Álvaro García (Universidade de Ohio, EE. UU.), Miguel Escribano (Universidade de Estremadura) e Frank Mitloehner (Universidade de California-Davis, EE. UU.), respectivamente.
Frederic Leroy volveu intervir o venres cunha disertación sobre o posicionamento da proteína animal no contexto mediático e político actual. Seguírono os portavoces de Generarrecetas (Pamplona), Jorge Urquizu, e de ADSGestión SCG, Juan Carlos Castro, os cales apuntaron os novos retos da lexislación en granxa. En paralelo ás súas exposicións, a doutora Albina Sanz (CITA) falou das innovacións de baixo custo e alto impacto nos rendementos de vacas nodrizas, e da repercusión do ambiente prenatal na vida posnatal dos xatos; pola súa parte, o doutor Luis Miguel Ortega (UCM) disertou sobre as novas solucións para facer fronte á diarrea neonatal.
O investigador Gnemmi impartiu unha última exposición sobre o uso máis apropiado de prostaglandinas, mentres que Pedro Fernández e Rosario Cerrato (Ingulados) abordaron as medidas innovadoras de manexo para o incremento da sanidade en explotacións extensivas bovinas e a modulación da microbiota mediante posbióticos para a mellora de parámetros produtivos e de saúde, respectivamente. Do mesmo xeito, Christian de la Fe (Universidade de Murcia) explicou as últimas informacións relativas á presenza de Mycoplasma bovis en España e aludiu á epidemioloxía e ao control do CRB nos cebadeiros cando está implicado este patóxeno. Antonio Gallo (Universidade Católica do Sagrado Corazón, Italia) presentou “Safety of Silage”, un proxecto para mellorar o coñecemento sobre os efectos da calidade do ensilado no rendemento animal e a calidade do leite, e reflexionou sobre as novas perspectivas respecto ao papel da nutrición con carbohidratos para mellorar a eficiencia da economía alimentaria en granxas leiteiras.
Como peche para as exposicións técnicas desta edición, o venres ao mediodía tivo lugar un panel de expertos sobre sustentabilidade e medio ambiente no que se afondou no impacto do traballo do buiatra neste ámbito. Interviñeron Frank Mitloehner, David Yáñez, Frederic Leroy e Miguel Escribano.
CONGRESISTAS E RELATORES VALORAN A EDICIÓN
O investigador da Universidade de Wisconsin-Madison, Francisco Peñagaricano, definiu o congreso como un completo éxito e fixo énfase no alto número de participantes. Así mesmo, destacou a importancia destes encontros: “Creo que desde o punto de vista académico e social todas estas actividades son de gran valor para a comunidade e a industria leiteira”.
Matilde Moro, veterinaria e especialista en produción animal, que asistiu como relatora, mostrouse gratamente sorprendida polo volume de asistentes que consegue manter ao longo do tempo este encontro, o que o sitúa como referente no sector da Veterinaria. Ademais, Moro destacou a necesidade de máis espazos de cooperación para o sector: “Desde Asoprovac estamos xa desenvolvendo colaboracións cos veterinarios de campo, porque cremos que para seguir avanzando temos que traballar xuntos”.
Esta era a segunda ocasión na que o doutor en Veterinaria pola Universidade de Córdoba, David Yáñez, asistía ao congreso. Para Yáñez, a relevancia deste tipo de asembleas sitúase en saír da tónica habitual de discusión no sector gandeiro: “É importante que estes foros poidan servir para contrastar distintos posicionamentos, distintas áreas de coñecemento, e que poidamos avanzar”, afirmou.
O veterinario Héctor Salas coincidiu en que este tipo de reunións son de especial relevancia para achegar novas perspectivas, pero tamén para aprender sobre novas ramas da buiatría: “O feedback recibido creo que é moi interesante e o feito de poder acudir a charlas de especialistas, que aportan valor e te forman como profesional, é vital”.
Frederic Leroy, investigador da Universidade Libre de Bruselas, concordou con isto. Desde o seu punto de vista, é importante crear espazos nos que non só se fale de pequenos progresos nun campo determinado e mencionou que Anembe proporciona un balance: “Existen discusións técnicas de expertos sobre certos asuntos de interese veterinario, pero paralelamente hai conversas para ampliar horizontes e falar de temas cos que quizais estamos menos familiarizados”.
Miguel Escribano, profesor de Produción Animal na Facultade de Veterinaria de Cáceres, valorou a importancia destes congresos como lugar de reunión para os profesionais do sector gandeiro: “Está ben vernos de vez en cando para intercambiar ideas e para poñernos ao día sobre os temas nos que estamos traballando”.
O especialista en nutrición Antonio Escribano mencionou que Anembe destaca pola súa organización e polas achegas científicas que os expertos expoñen durante as súas conferencias. Valorou especialmente o feito de que “están ben parcelados os distintos apartados científicos, os días que dura e a xente que asiste, á cal se lle ve moi motivada”.
Albert de Vries, profesor do Departamento de Ciencias Animais da Universidade de Florida, comentou o avance que se ten levado a cabo desde a primeira vez que asistiu ao congreso hai dez anos. Concretamente, aludindo ao eixe central desta edición, sinalou que “a sustentabilidade é un tema que non tratariamos hai 10 ou 15 anos, así que quero felicitar a Anembe por ter en conta este aspecto, que realmente agora está na mente de todos”, apuntou. Na mesma liña, reivindicou a importancia de facer fincapé no valor de seguir coidando dos nosos animais ao tempo que se vela polo clima, algo que identificou como fío condutor dentro do congreso.
Doutra banda, o investigador da Universidade Autónoma de Barcelona, Álex Udina, describiu o Anembe como “o mellor congreso que existe en torno ao sector vacún” e, como aspectos que se poderían incluír en futuros encontros, sinalou: “Anembe sempre estivo moi enfocado na parte clínica, creo que hai outras disciplinas que igualmente son moi interesantes e gustaríame que fixesen máis fincapé na nutrición de ruminantes ou de vacún de leite”, aseverou.
A COBERTURA DE VACA TV
A nosa canle de televisión, Vaca TV, estivo un ano máis presente nesta reunión e, ademais de poder conversar con algúns dos relatores e veterinarios asistentes, cubriu varias das conferencias organizadas por MSD Animal Health e Gea, así como a exposición oral de Aira “A culpa non é da alimentación”, a presentación do programa Gando, a conferencia maxistral a cargo de Antonio Escribano e o panel de expertos sobre sustentabilidade.

PREMIOS E CLAUSURA
Os actos de entrega de premios ás mellores comunicacións orais e de clausura, nos que interviñeron, respectivamente, o vogal de Investigación e Divulgación, Juan Caínzos, e o presidente de Anembe, Juan Carlos González, puxeron o broche final ao Congreso.
González —que durante a súa intervención anunciou que a reunión de 2025 se celebrará en Vitoria en maio— fixo un balance moi positivo deste congreso e destacou tanto o volume de asistencia como os comentarios recibidos por parte dos congresistas.
Falando de próximas reunións, afirmou que a organización non se pon límites, aludiu á importancia de non caer en repeticións e fixo fincapé no valor de seguir “escoitando os socios e pedíndolles que nos dean ideas para, a partir de aí, continuar avanzando e lograr que o espírito de Anembe se manteña”.
|
COMUNICACIÓNS LIBRES GALARDOADAS POR ANEMBE |
|
PRIMEIRO PREMIO
|
|
Microbiota e mamite no gando bovino leiteiro: relación entre a comunidade bacteriana do leite e o estado sanitario do ubre Leire Urrutia Angulo |
|
SEGUNDO PREMIO
|
|
Fontes ambientais da infección por Cryptosporidium parvum en xatos leiteiros neonatais María Leonor Rodrigues |
|
TERCEIRO PREMIO
|
|
Aplicación de marcadores xenéticos asociados á susceptibilidade, resistencia e tolerancia á paratuberculose bovina en selección xenética da raza frisona Marta Alonso Hearn |