A World Dairy Expo reivindica o papel dos inmigrantes na industria leiteira dos Estados Unidos

A World Dairy Expo reivindica o papel dos inmigrantes na industria leiteira dos Estados Unidos

A World Dairy Expo, unha das feiras comerciais de lácteos máis grandes do mundo, desenvolveuse na primeira semana de outubro cun recoñecemento especial aos traballadores latinos ocupados no sector. O encontro celebrouse en Madison, capital do estado de Wisconsin, onde os traballadores de México e doutros países latinoamericanos constitúen máis da metade do persoal laboral nas granxas leiteras.

Entre as conferencias incluíronse sesións en español, como a que protagonizou Juan Quezada, que con vinte anos emigrou de México a Estados Unidos e agora traballa en Milk Source LLC, unha das maiores produtoras de leite do estado. O experto compartiu a súa traxectoria, dende muxir vacas, ata conseguir o seu posto actual como director de Formación e Desenvolvemento dos Empregados, co que forma aos novos integrantes das ganderías.

Quezada enfatizou cualidades de liderado como a honestidade, a puntualidade ou o respecto. Ademais, reflexionou sobre cantos inmigrantes seguen un camiño similar ao seu, traballando con constancia e converténdose nunha parte esencial da economía e da sociedade.

En español tratáronse outros temas como o papel da muller na industria ou o benestar animal. O evento atraeu a persoas de 130 países e exhibiu máis de 2.500 vacas, así como maquinaria agrícola.

A feira rexeitou a oferta de visita do candidato presidencial estadounidense Donald Trump. Lisa Behnke, xestora de comunicacións da World Dairy Expo, explicou que o encontro se centra nas vacas e nas persoas que as coidan, non en candidatos políticos.