O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca, coñecidos como premios Exceleite. É a quinta edición destes galardóns que trata de recoñecer os gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, por tanto, coa calidade do leite que producen.
Os premios distinguen as granxas en tres categorías en función e o seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, cada unha delas se subdivide en tres grupos, segundo o seu sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécese, ademais, as mellores explotacións ecolóxicas.
Optarán a estes recoñecementos as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realicen os autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal). As explotacións deberán estar de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras características técnicas.
Como novidade, introdúcense melloras para limitar, por unha banda, a avaliación da calidade do leite exclusivamente do período de tempo establecido na orde da correspondente convocatoria. Por outra banda, establécese un sistema máis áxil de convocatoria de novos produtores en caso da non aceptación do premio por parte dalgunha gandería.