A Xunta destaca que os prezos pagados a produtores de leite galegos incrementáronse en preto dun 55 %

A Xunta destaca que os prezos pagados a produtores de leite galegos incrementáronse en preto dun 55 %

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu esta mañá a reunión do grupo de coordinación do Observatorio da Cadea Alimentaria. Alí, debullou o último informe do sector lácteo e destacou que os prezos pagados a produtores de leite da nosa comunidade incrementáronse en case un 55 % desde outubro de 2021, situándose nos 53 céntimos/litro.

Balseiros sinalou que a evolución do prezo medio do leite é moi boa e agarda que o incremento siga nos vindeiros meses. Con todo, indicou que esta suba de prezos tamén vén condicionada, como non podía ser doutro xeito, polo incremento dos custos de produción que están a sufrir as granxas galegas. 

No tocante á transformación de leite, os datos mostran un incremento de máis dun 50 % entre os anos 2016 e 2021 na nosa comunidade, o que supuxo unha suba de máis de 630.000 toneladas. Por outra banda, dentro do contexto europeo, Galicia foi a décima rexión produtora de leite no ano 2021 e, de manterse esta tendencia positiva, podería chegar a situarse -a medio prazo- como a oitava rexión produtora da Unión Europea.