A próxima orde de axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións contará neste ano 2022 cun orzamento total de 37,5 millóns de euros.
Así o destacou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, nunha visita a unha explotación de vacún de leite situada no concello de Lugo e que foi beneficiaria destas achegas en convocatorias anteriores.
Estas axudas que hoxe puxo en valor o director xeral -e que está previsto publicar no Diario Oficial de Galicia en breve- teñen unha gran repercusión no medio rural galego. Pertencen ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). En concreto, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) será de 20 millóns de euros neste 2022. Para a incorporación de mozos ao agro destinaranse 15 millóns de euros e, por último, para o desenvolvemento de pequenas explotacións haberá 2,5 millóns de euros.