Nace Conta Láctea, a aplicación informática posta en marcha pola Xunta de Galicia para facilitar a xestión empresarial das explotacións leiteiras. Esta app, creada por Medio Rural en colaboración coa Fundación Juana de Vega, ten por obxectivo aumentar o poder negociador dos gandeiros sobre o prezo do leite.
O conselleiro do Medio Rural, José González, presentou esta app ao sector nun acto celebrado na Cidade da Cultura e estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade.
Na súa intervención, o conselleiro destacou que con esta ferramenta os produtores non só poderán calcular os seus custos de produción e así incrementar a súa rendibilidade, senón que poderán mellorar a posición nas negociacións de prezos. Calificou esta aplicación como un instrumento definitivo para que os gandeiros poidan defender, desde a mellor posición posible, os seus intereses, mellorando a posición dentro da cadea de valor da produción de leite.
Esta iniciativa enmárcase na aposta que realiza a estratexia pola innovación e pola aplicación ao sector das novas tecnoloxías. González apuntou que "todo isto co obxectivo prioritario que ten este documento de acordar e asentar as bases para consolidar a Galicia como principal rexión láctea, con carácter competitivo, perspectiva sustentable e capacidade de resiliencia".
Avances da PAC
O conselleiro puxo en valor os avances da PAC para este sector estratéxico do agro galego. Advertiu que aínda queda negociación por diante, pero que xa "se conseguiron compromisos importantes. Trasladou que "Galicia partirá co mesmo volume de fondos que no anterior período de execución, podendo ser incrementado nas próximas reunións".