A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, programou para a próxima semana dous novos cursos baixo o título "Gandeiros 20-30, impulsando as competencias empresariais nas explotacións gandeiras", no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego. Así, a que sería a cuarta edición está prevista para que se inicie o mércores 3 de novembro no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, en Boqueixón, mentres que a quinta fixouse desde o xoves 4 no CFEA de Monforte de Lemos. O horario das formacións será de 9:30 a 14:30 horas.
Ambos os cursos teñen como obxectivos facilitar ao participantes coñecemento e ferramentas útiles no campo de control e xestión de custos, ademais de mostrarlles unha visión e un potencial máis amplos no ámbito económico, así como identificar proxectos conxuntos ou individuais que poidan ser susceptibles de apoio posterior por parte da Xunta.
O curso contempla seis módulos que se desenvolverán noutras tantas sesións. O programa aborda cuestións como a xestión integral do negocio na explotación gandeira, o control de custos a través do manexo da aplicación Conta Láctea e a elaboración de orzamentos, a optimización da xestión fiscal das explotacións, a innovación, o desenvolvemento de habilidades de negociación e os instrumentos financeiros para o crecemento e desenvolvemento dos gandeiros, como empresarios que son.
Na páxina do Medio Rural pódense descargar as solicitudes para as accións formativas que se deberán enviar a agacal@xunta.gal.