A Xunta prohibe desde este sábado as queimas agrícolas e forestais de particulares

A Xunta prohibe desde este sábado as queimas agrícolas e forestais de particulares

A partir das 00:00 horas do sábado quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia, quedando excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispondo dos medios de extinción precisos. Isto implica que, desde hoxe, non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste próximo sábado.

A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados os diferentes indicadores que inciden no risco de lume. Tamén tiveron conta que a normativa prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poden dificultar o seu control.

A Consellería do Medio Rural pide colaboración cidadá para extremar as precaucións e denunciar calquera actividade delituosa de lume da que teña coñecemento, dado que non estará permitido até novo aviso. Ademais, a consellería lembra que está dispoñible o número de teléfono gratuíto 085, ao que poden chamar en caso de detectar algún lume forestal.