A Xunta proporá ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) que active para toda España, do mesmo xeito que fixo o Goberno italiano, unha prima de emerxencia estable de ata 4 céntimos por litro de leite, coa finalidade de paliar as dificultades que atravesan os gandeiros pola subida dos custos de produción. Así o avanzou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, antes da reunión que tivo con representantes das organizacións agrarias, asociacións e cooperativas para avaliar a situación do sector lácteo e avanzar na adopción de medidas encamiñadas a superar as dificultades polas que atravesan neste ámbito. Nas próximas semanas, avanzou, manterá outro encontro para analizar a situación do sector de carne.
O conselleiro do Medio Rural explicou que esta "solución italiana" se centra en conseguir un acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros para establecer a prima, cun tope de 41 céntimos por litro (excluíndo primas por calidades e IVE) ao longo do 2022. Con ese incremento, apunta que se constata unha subida de custos de produción superior ao 10 % que repercute en 4 céntimos no litro de leite e en 75, no caso do quilo de carne.
González avanzou que se creará a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia, como entidade encargada de controlar o cumprimento das obrigacións derivadas da Lei da Cadea Alimentaria no ámbito galego. Outra medida será a posta en marca do Observatorio da cadea alimentaria galega, como organismo encargado de emitir informes periódicos e fiables sobre a situación económica do sector primario. Farase a través dun convenio entre o Instituto Galego de Estatística, a Consellería do Medio Rural e a Fundación Juana de Veiga. A maiores, reactivarase o Observatorio do Sector Lácteo, que servirá para formalizar as relacións entre os diferentes elos da cadea de valor do leite.