A Xunta reafirma o seu compromiso co sector produtor durante a visita a dúas granxas galardoadas nos Exceleite

A Xunta reafirma o seu compromiso co sector produtor durante a visita a dúas granxas galardoadas nos Exceleite

Con motivo da súa visita esta mañá a dúas explotacións leiteiras galardoadas nos premios Exceleite, Casa Landeira de Oa e Castiñeiras de Oa (Trazo, A Coruña), o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, puxo en valor o esforzo dos gandeiros para acadar a extraordinaria calidade que distingue a cabana gandeira galega en xeral e o bovino de leite en particular.

Balseiros aproveitou o acto para reafirmar o compromiso do Goberno galego con este sector estratéxico a través de iniciativas como a Estratexia de dinamización, “resultado dun intenso proceso participativo e que ten como principal obxectivo consolidar este eido produtivo a través da súa profesionalización e da mellora da súa rendibilidade”, remarcou.

Respecto disto, sinalou que, sendo Galicia a principal comunidade produtora de leite en España e a novena rexión láctea de Europa, é esencial a formación empresarial orientada a mellorar a posición negociadora dos gandeiros. Neste sentido, fixo referencia a Conta Láctea, a aplicación informática creada ao abeiro desta planificación que permite aos produtores levar a contabilidade das súas explotacións e, polo tanto, ser máis efectivos na negociación do prezo do leite.

FERRAMENTAS DE APOIO

No que se refire ás axudas ao sector, Balseiros recordou que hoxe saíu publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería do Medio Rural que inclúe 30 millóns de euros para apoiar a transformación e a comercialización de produtos agrarios, priorizando nesta convocatoria as asociacións de produtores que se unan para levar a cabo investimentos en común. Así mesmo, engadiu que está aberto ata o 30 de abril o prazo para solicitar as achegas da Política Agraria Común (PAC).

Por último, o director xeral referiuse á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirá dotar a quen o demande de terra produtiva, potenciando a remuda xeracional e o rexuvenecemento do sector. Dita lei xa se está a complementar con ferramentas como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta.