Responsables da dirección xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia reuníronse esta mañá en San Caetano, en Santiago de Compostela, con representantes das asociacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG) de Galicia, que desenvolven os programas facultativos de prevención e control de doenzas animais. Na xuntanza recalcouse que a Xunta destinará 2.280.000 euros o vindeiro ano ás axudas para estas agrupacións.
O motivo concreto deste encontro de traballo foi o de reforzar a colaboración entre a Consellería do Medio Rural e estas entidades en materia de sanidade animal; máis concretamente, na loita contra diferentes doenzas que afectan o gando, como son a lingua azul e a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). En relación a esta última, dende a Xunta estáselle reclamando ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) que lidere e coordine un plan nacional fronte á EHE.
Con respecto á lingua azul, nesta reunión puxéronse en valor os esforzos da Xunta na materia debido á campaña masiva de vacinación realizada, que continuará no 2024 cunha achega mínima de 2 millóns de euros.