Lácteos Ribeira Sacra, premio Semente Ribeira Sacra

Os irmáns Lucía e Ángel López, na presentación do seu proxecto
Os irmáns Lucía e Ángel López, na presentación do seu proxecto

A última edición dos premios Semente Ribeira Sacra, organizados pola asociación Semente, de Monforte de Lemos, foise nesta ocasión para o proxecto Lácteos Ribeira Sacra, unha iniciativa de transformación do leite producido pola gandería monfortina Puluán SC.

Antonio López e Puri Sobrado, xunto aos seus fillos Ángel e Lucía, quixeron en plena pandemia comenzar a darlle valor engadido ao leite das súas 140 vacas produtoras coa transformación propia en produtos elaborados, como o leite pasteurizado ou os queixos. 

A día de hoxe contan cun rabaño de 280 cabezas, coas instalacións en marcha e con toda a parte burocrática en orde. Están producindo uns 38 litros por vaca e día con dous muxidos diarios e levan todo este ano desenvolvendo as probas de elaboración dos seus produtos lácteos. Como socios da Cooperativa de Lemos, véndenlle, polo momento, a gran maioría do leite a Celega.

Queixos de Lácteos Ribeira Sacra

Embotellan leite pasteurizado, elaboran queixo fresco, semicurado e curado e o seu produto diferenciador é, sen dúbida algunha, o seu queixo ao viño Ribeira Sacra, macerado con viño mencía Denominación de Orixe Ribeira Sacra. 

Antonio López confirmounos esta mañá que a produción cara ao consumidor final comezará con forza de cara ao vindeiro ano, pero que xa sairán das súas instalacións, como avance, este Nadal uns 5.000 queixos que van destinados a cestas de regalo de diferentes empresas.