A. Lago: “A monitorización dos programas é imprescindible para que o secado selectivo funcione”

Con motivo da súa participación no 31.º World Buiatrics Congress, nesta entrevista publicada en Vaca Pinta 37 conversamos co investigador Alfonso Lago sobre as diferenzas do sector lácteo nos Estados Unidos respecto do modelo europeo e sobre os factores que el identifica como esenciais para poder realizar un correcto tratamento de secado selectivo en granxa.

Cal é a situación do sector lácteo nos Estados Unidos?
O sector está ben. Hai un incremento na demanda de leite, igual que no resto do planeta, pero quizais non se está notando tanto como na Comunidade Europea (CE).
En termos de prezos, o leite nunca estivo tan alto como agora. Isto non se aplica a todas as granxas, pero podemos dicir que a media está en 56 €/kg en holstein e aproxímase aos 70 €/kg en jersey. Esa é a parte positiva da foto. 
A parte negativa é que os prezos das materias primas están extremadamente altos. Sálvanse os gandeiros que puideron comprar con antelación ou que negociaron os seus contratos a un ano vista; este grupo en 2022 fixo bastante diñeiro, porque adquiriron os insumos ao prezo de hai un ano e estanlles pagando o leite ao prezo actual. 

Levamos meses falando dun posible problema de desabastecemento de leite. É unha preocupación en América do Norte?
Agora mesmo creo que é algo máis concreto da CE. Estados Unidos depende moito do leite que nos compra China e, aínda que hai uns meses os chineses estaban a adquirir moita cantidade, agora a demanda é menor, por iso non estamos a notar falta de abastecemento. 
Pensando a futuro, hai grandes países exportadores de leite, como Nova Zelandia, que poden ver a súa capacidade de produción limitada debido a factores como as regulacións por metano. Neste país en concreto vaise implementar unha taxa que o gandeiro terá que pagar pola estimación de produción de metano da súa granxa; entón haberá produtores aos que lles deixe de ser rendible o negocio. 
Na UE tampouco creo que vaia haber un incremento na produción: primeiro, porque non hai capacidade para reaccionar de maneira inmediata debido ao tamaño das explotacións e, segundo, porque o futuro da Unión non pasa polo incremento na produción de leite.
Pola contra, diríache que nos Estados Unidos si se vai seguir aumentando a produción, pero, en xeral, é posible que a longo prazo esta situación de perigo de desabastecemento se converta nunha constante en moitas zonas do planeta. 


"Nos Estados Unidos vaise seguir aumentando a produción, pero é posible que a longo prazo o perigo de desabastecemento se converta nunha constante en moitas zonas do planeta"

Estivo a cargo da moderación do bloque de epidemioloxía no WBC. Que aspectos se abordaron? 
A epidemioloxía ás veces parécenos un concepto abstracto, pero creo que se tocaron aspectos moi interesantes e que teñen unha implicación fundamental en como entendemos hoxe a mastite. 
Antes criamos ter moi claro o que era contaxioso e o que era ambiental, pero na actualidade sabemos que non todo é branco e negro, que algúns contaxiosos se comportan como ambientais e viceversa. O exemplo máis claro é o do Streptococcus agalactiae, que non pode sobrevivir só no ubre, senón tamén no medio ambiente. Así pois, os dous relatores deste bloque, Ynte Schukken e Ruth Zadoks, abordaron como entendemos a epidemioloxía dos diferentes organismos hoxe en día, noción que repercute indirectamente nos programas de control da mastite.

Tamén enunciou no congreso un workshop sobre o tratamento selectivo da mastite clínica. Cales foron as ideas principais da súa presentación?
Quixen combinar ciencia e estratexia. En concreto revisei as razóns polas que debemos reducir o uso de antibióticos. Levamos desde 2011 publicando datos de estudos de campo controlados que nos mostran que podemos reducir o uso de antibióticos, que as vacas superan igualmente as mastites e que isto non ten ningunha implicación a medio nin longo prazo para a produción nin a saúde do animal. 
Tamén tratei o aspecto económico aludindo a un modelo que desen-volvemos atendendo a datos de poboacións de UE, o cal nos permite concluír que podemos gañar diñeiro usando o tratamento selectivo. Que gañemos pouco ou moito diñeiro vai depender da situación de cada rabaño. Por exemplo, rabaños con pouca porcentaxe de Gram+ ou que produzan moito leite cando os prezos acompañan van gañar 70 euros por caso de mastite. Logo temos algo que nos é beneficioso economicamente e co que podemos, á vez, satisfacer o que a nosa sociedade nos está pedindo, que é a redución do uso de antibióticos. 

Diría que cambia o enfoque en canto á motivación tras a redución do uso de antibióticos entre a UE e os Estados Unidos?
A redución de antibióticos é un fenómeno mundial, non é algo exclusivo da CE. Quizais en Europa xa hai normativa, xa está definido canto se debe reducir, mentres que nos EE. UU. non nos sentimos obrigados a facelo. No entanto, o certo é que tanto aquí como alá nos gustaría facelo sen perder diñeiro e, é máis, se podemos facelo e gañar diñeiro á vez, mellor.


DÚAS DÉCADAS DE TRABALLO NOS ESTADOS UNIDOS
Alfonso Lago estudou na Facultade de Veterinaria de Lugo, despois estivo tres anos traballando como clínico, con programas de reprodución, no noroeste de Galicia e no occidente asturiano. 
Posteriormente trasladouse aos Estados Unidos, onde realizou a súa residencia en Medicina de Produción. “Alí contratáronme como instrutor na Universidade de Minnesota, tamén fixen o meu doutoramento, traballei como encargado de servizos técnicos e investigación de campo nunha compañía chamada APC… e hai dez anos empecei con DairyExperts, a miña propia empresa. Pasaron xa 21 anos desde que me fun”, conta este investigador.  
DairyExperts é unha empresa californiana na que realizan labores de consultoría, adestramento de persoal e investigación en produción láctea tanto nas súas instalacións como en ganderías comerciais. “Creo que o noso centro de investigación é único, así como tamén o é a nosa granxa experimental: é a máis grande dos Estados Unidos na que é posible controlar e medir o consumo de materia seca e o metano a nivel individual, analizar o comportamento das vacas…”, sinala. 
Da súa experiencia profesional neste país, valora a capacidade de priorización do método norteamericano: “Creo que dos Estados Unidos o que podemos aprender é a simplificar e a priorizar. Non deixemos o simple e básico por facer, porque aí é cando falla o sistema. Opino que esa é a impresión que se pode extraer de como traballan as granxas alí”, afirma. 

É máis complexa a xestión de tratamentos de secado selectivo en macrogranxas? 
Depende. Por unha banda, é máis sinxelo porque nestas ganderías hai persoal que adestramos para esa tarefa concreta, a cal é unha parte importante do seu traballo, polo que hai unha certa especialización. Pero tamén é difícil porque, nestes negocios, cando facemos unha recomendación, non só temos que pensar en se lles vai beneficiar, senón tamén en se podemos adaptala á rutina diaria de traballo da granxa. Por exemplo, hai ocasións nas que as vacas poden estar o tempo que marcamos fóra do seu curral, pero pode non ser o caso, é dicir, que hai que encaixar moitas máis tarefas para que se poidan implementar as cousas, mentres que nunha granxa con dous ou tres empregados ese axuste non ten que ser tan meticuloso.
De todos os xeitos, diríache que non é complicado implementar o tratamento selectivo ao secado, do mesmo xeito que non o é o tratamento selectivo da mastite clínica durante a lactación. Os conceptos están claros e son simples; todo depende de se se complica ou non debido ao nivel de adestramento e supervisión que teñamos do programa, que alí é un sistema de control leiteiro sinxelo e moi similar ao de aquí.

Que modelos se seguen en ganderías de gran volume para a aplicación do secado selectivo?  
Hai dous grandes modelos. Un é guiarse por datos históricos de lactación da vaca. Selecciónanse as vacas secas que tivesen máis de 200.000 células somáticas durante a lactación anterior, ou que tivesen un caso de mastite, ou que se tratasen con antibióticos durante as últimas semanas, e o programa créanos a lista de animais que temos que secar. O número de vacas que secamos á semana varía moito, pero, por exemplo, nunha granxa de 6.000 vacas, secamos unhas 70 cabezas. O programa diche cales debes tratar, así que é simple. 
Hai outras granxas que elixen a opción de cultivar os cuartos, ou unha mostra de vaca, e deciden cales tratar dependendo do cultivo bacteriolóxico. 

Que factores son indispensables para facer un correcto tratamento de secado?
Xa sexa no que respecta á mastite na lactación ou no secado, creo que o imprescindible é a monitorización dos programas para que o secado selectivo funcione. Estes programas en granxas moi pequenas tenden a fallar porque non hai unha rutina. 
O tamaño da granxa paréceme importante para decidir se son eu, como veterinario, o que teño que ofrecer o servizo completo de recoller as mostras, facer o cultivo na miña clínica e prover todos os resultados do cultivo á gandería ou, pola contra, é unha gandería dun tamaño máis considerable (de 200-400 vacas ou máis) e debo implementar algo nela. De calquera forma, ten que ser algo que eu estea monitorizando de maneira xeral, debe existir un programa de seguimento de todo o proceso, tanto dos resultados de cultivo como da resposta dos tratamentos implementados respecto do que nos indicou o cultivo.  


EN MAIO, NOVA EDICIÓN DO CONGRESO REXIONAL DO NMC
Lago é o director do Consello Nacional de Mastite [National Mastitis Council], organización que ofrecerá na primeira semana de maio en California unha nova edición do seu congreso rexional. “Creo que vai ser único pola zona na que estamos e tamén polo que imos ofrecer”, explica. 
Na primeira das catro xornadas que abarcará o evento, terán lugar os cursos formativos, que abordarán unha selección de temas como o muxido, o manexo de persoal e a identificación de problemas en granxa. O segundo e o terceiro día centraranse nas comunicacións curtas, charlas sobre temas variados de media hora cada unha, e o cuarto día quedará reservado para a realización de visitas guiadas a granxas da zona. 
“Vai ser un congreso moi práctico e sobra dicir que estaremos encantados de recibir a quen queira vir desde España. Será en Visalia, que pertence ao condado de Tulare, o sitio do mundo con máis vacas por quilómetro cadrado”, apunta Lago. “Creo que o atoparedes moi interesante para poder ver unha dimensión de agricultura diferente en moitos aspectos”.