As ADSG de Galicia recibirán 2,15 millóns de euros de axuda da Xunta

As ADSG de Galicia recibirán 2,15 millóns de euros de axuda da Xunta

CLUN organizou un encontro sobre o benestar animal en Touro (A Coruña), ao que asistiu o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Durante o acto, indicou que a Consellería do Medio Rural dispón dunha liña de axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia, que na convocatoria 2022-2023 conta cun orzamento de 2,15 millóns de euros.

O obxectivo destas axudas é que poidan desenvolver programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais e, ademais, o director xeral incidiu en que estes programas melloran as condicións hixiénicas das explotacións e do benestar animal, así como elevan o seu nivel produtivo sanitario.

Nesta xornada tamén puxo o foco no Plan de formación continua 2022, que ten en marcha a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través do que se realizan cursos nos que se abordan temas de benestar animal, tanto en explotacións como durante o transporte de animais vivos.